CRTVG

Buscar

Denuncian os estragos do xabaril nos cultivos na Pobra do Brollón

Publicado o 17/06/2020 13:55

A terra queda fozada tras o paso dos xabarís, segundo denuncian os gandeiros de Piño, na Pobra do Brollón. As leiras énchense de croios que levantan os animais, o que provoca avarías acotío na maquinaria agrícola e incluso pode resultar perigoso para os tractoristas. Ademais, os estragos nos cultivos, tanto de herba como de millo, son continuos.

Luís López, afectado polos ataques dos xabarís: "Aquí hai unha praga de xabarís. Haberá milleiros deles. Furan na terra e levantan os coios, que causan moitas avarías. O outro día, segando, saltoume un coio a un cristal e non me deu a min de milagre. Estropean os cultivos, e a herba, co que as explotacións xa non son viables. En definitiva, que así non se pode traballar. Aquí, se non se toman medidas urxentes, temos que acabar cerrando".

Segundo denuncian os gandeiros desta parroquia de Piño, levan xa unha década sufrindo os ataques dos xabarís, que ano tras ano van a máis. Así e todo, resultaron indemnizados nunha única ocasión, cunha axuda que só compensou a décima parte das perdas ocasionadas.

Luís López, afectado polos ataques dos xabarís: "Compensación económica só nos deron o ano pasado. Unha axuda de 1.600 euros, foi o único que nos deron. Pero eu prefiro que me solucionen o problema a que me dean axudas. Todos estamos aburridos xa disto, e a xente nova non quere saber nada porque ve o que está pasando. Isto non é viable. Se non se toman medidas urxentes, temos que cerrar, porque isto ten os días contados. Unha pena, porque isto vai quedar todo a monte".

Para que lles compense continuar coa actividade agraria, ademais dunha solución para a praga de xabarís, os gandeiros da zona tamén demandan que se realice unha concentración parcelaria.

Noticias web

17/06/2020