CRTVG

Buscar

Denuncian o mal funcionamento dos ascensores da estrada da Coruña

Publicado o 02/04/2019 17:35

Os veciños dunha parroquia de Lugo piden o arranxo dos ascensores dunha pasarela sobre a estrada da Coruña. Segundo denuncian, os aparellos levan un ano funcionando de maneira defectuosa. De feito, sinalan que moitos dos usuarios xa quedaron atrapados.

Esta pasarela sobre a N-VI sérvelles aos veciños de Meilán, en Lugo, para cruzar dunha beira á outra da estrada. Moitos deles son de idade avanzada, polo que precisan facer uso dos ascensores, que funcionan de maneira defectuosa. De feito, algúns dos usuarios xa quedaron atrapados no seu interior. Ademais, as persoas que vaian nunha cadeira de rodas poden non ter maneira de baixar unha vez no alto, xa que as portas de ambos os dous aparellos adoitan quedar pechadas por moito que se prema o botón para que se abran.

"Quedei dous días encerrado neses ascensores. Tiven que chamar por teléfono e veu un técnico de Lugo abrirme o ascensor. Quedei encerrado xa por dúas veces". "Pois eu unha vez ía baixando e chegando ao final mesmo quedei atrapado. E outra señora tamén quedou atrapada".

Os afectados sinalan que os ascensores funcionan mal xa dende hai un ano, polo que reclaman que se solucione o problema para que ninguén máis quede atrapado.

"Antes estaba Aenor e non pasaba nada. Agora colleuno esta empresa e a cada pouco está avariado".

A medio quilómetro, en dirección a Lugo, hai outra pasarela con ascensores que tamén están a dar problemas.

Noticias web

02/04/2019