Denuncian o mal estado dos postes de telefonía en Bergondo
A paisaxe rural de Santa Marta de Babío, en Bergondo, está inzada de cables e postes que o paso do tempo foi deteriorando ata convertelos non só nun exemplo de feísmo, senón tamén nun perigo para as persoas, segundo denuncian os veciños.
Angustias e Gonzalo teñen dentro da súa propiedade un destes postes que, segundo denuncian, podreceu na base e podería caer en calquera momento. Ademais, as ancoraxes que lle puxeron fan imposible que o portón da súa propiedade abra.
O Concello de Bergondo dirixiuse en varias ocasións a Telefónica para que tome medidas ante o pésimo, din, mantemento dos postes, non só nesta parroquia senón en todo o territorio municipal, e non descartan denunciar a empresa se non actúa de inmediato.
A media mañá, operarios da empresa presentáronse na zona para substituír un dos postes xa caídos. Fontes de Telefónica informaron de que, tras reunirse con responsables municipais, están a realizar un estudo sobre o terreo para acometer as melloras por orde de prioridade.