Denuncian nun barrio de Lugo que lles entra nas casas o fume dunha fábrica de chourizos
Os veciños de varios bloques de vivendas do barrio lugués de Lamas de Prado aseguran que lles entra nas casas o fume procedente dunha fábrica de chourizos. Como resultado, non poden abrir as ventás cando o afumadoiro está funcionando. Por se fose pouco, din que tamén soportan o ruído da maquinaria e que mesmo chegaron a ver ratas na zona, atraídas polo cheiro.
"Ratas, houbo unha vez, e houbo que avisar a comunidade para que viñeran desratizar. Víronas por aí e subiron incluso pola parede arriba".
"Temos unha fábrica de chourizos na parte de atrás e cando os afuman non podemos abrir as ventás nin tender a roupa. E os motores meten moito ruído".
"Á parte dos fumes, que son daniños para a saúde, o cheiro que desprende é insoportable. Non podemos abrir ventás, tender a roupa ou ventilar a vivenda. E por riba temos o problema dos ruídos, xa que acenden moi cedo a fábrica e non nos deixan durmir", sinalan os residentes no lugar.
Os afectados din que levan cinco anos denunciando esta situación. Así e todo, o problema segue sen resolverse, e houbo mesmo quen perdeu de alugar o seu piso por non se poderen abrir as ventás para ventilar.
"Houbo xente que perdeu inquilinos, xa que non poden abrir as ventás porque lles entra o fume. As casas teñen que estar ventiladas e non se poden ventilar. A ver que resolución toma a concellería. Nós só queremos que non arranxe este problema", di un afectado.
Pola súa parte, dende a fábrica de chourizos sinalan que xa realizaron melloras na extracción do fume.