CRTVG

Buscar

Denuncian avisos da Xunta previos ás inspeccións nas residencias

Publicado o 19/11/2020 14:50
Denuncian avisos da Xunta previos ás inspeccións nas residencias

Diferentes colectivos denunciaron este mércores en Vigo que a Xunta dá avisos previos ás inspeccións que realiza nas residencias de maiores, polo que na práctica "non son reais". Por iso, urxiron o cesamento da xefa do Servizo de Inspección de Maiores, Discapacidade e Dependencia, Berta Bicada.

Durante unha concentración ante a Delegación territorial da Xunta en Vigo, Cristina Moreno, da Asociación de traballadores de residencias de Galicia (Trega), detallou que no caso do xeriátrico para o que traballa, en Bembrive (Vigo), a coordinadora dá instrucións previas e ven "movementos que non son normais". Engadiu que "casualmente, o día da inspección estamos todos" os traballadores no centro, pois deixan de cubrirse, segundo dixo, saídas ao hospital non previstas ou visitas a consultas médicas.

Moreno é unha das asinantes da denuncia trasladada á Xunta sobre a situación da residencia de Salvaterra, polo que "é falso que sexa anónima", recalcou. Os inspectores, segundo dixo, "veñen, ven e poñen sancións administrativas, pero unha multa para unha empresa tan grande -en alusión ás multinacionais que xestionan unha alta porcentaxe das prazas en Galicia- non vale para nada".

Desde o Movemento Galego pola Defensa das Pensións, Gonzalo Balo corroborou que Inspección "avisa" previamente ás residencias e estas "tapan" o que hai. E o que hai é, segundo recalcou Cristina Moreno, un problema fundamentalmente de escaseza de persoal. "Non pode ser que haxa unha soa auxiliar para 15 aseos nunha hora, é inviable (...) Onde ten que haber dúas, tres persoas, hai unha", relatou Moreno, quen dixo que non hai nin tempo suficiente para que as traballadoras poidan quitar os equipos de protección individual (EPI) "en condicións".

Cre que isto é "unha situación xeneralizada" no conxunto das residencias de Galicia, e acusa a Inspección de mentir ao asegurar que se cumpren as cocientes indicadas. "Non sei que contas fai a Xunta", dixo.

Tamén indicou que, polo xeral, nas residencias non se respectan os circuítos de limpo/sucio. En canto á denuncia pola situación de "abandono" dos maiores no xeriátrico de Salvaterra, Moreno indicou que foron traballadoras dese centro, onde foron tras intervilo a Xunta, as que contactaron con Trega, facilitáronlles fotos, que "oxalá foran unha montaxe", e pediron a súa mediación.

Finalmente, animou as súas compañeiras de gremio a denunciar as "condicións lamentables" en que están a traballar e a que "non teñan medo".

Ademais de esixir a destitución de Berta Bicada, os colectivos agrupados na chamada Alianza  Galega polos  Servizos  Sociais Públicos para  Maiores e  Dependentes demandaron a xestión pública da totalidade de prazas das residencias públicas e a construción das residencias prometidas nas sete principais cidades de Galicia.