CRTVG

Buscar

Denuncian a dimisión forzada da directora do colexio por esquecer un cativo no bus

Publicado o 02/10/2020 19:04
Denuncian a dimisión forzada da directora do colexio por esquecer un cativo no bus

Un centenar de alumnos, pais, nais e profesores denunciaron ante unha escola do municipio coruñés de Oleiros a dimisión forzada da directora do centro despois de que un neno de tres anos permanecera nun bus escolar tras quedar durmido.

Os manifestantes concentráronse este venres ante o colexio Luís Seoane cunha cazolada para expresar o seu apoio á directora do centro alegando que foi "obrigada" polo servizo de Inspección de Educación a dimitir do cargo, segundo denunciaron.

O pasado martes o alumno tomou o bus escolar pola mañá para ir ao colexio, pero quedou durmido no interior e ninguén se decatou da súa presenza, polo que permaneceu encerrado no vehículo case cinco horas.

A secretaria da asociación de nais e pais ANPA, Sonia Rodríguez, indicou que a "obrigada dimisión" da directora é "inxusta" porque estivo pendente da familia e do alumno desde o momento en que se decatou do sucedido.

Rodríguez engadiu que, en cambio, "ninguén lle pregunta á empresa" de transporte escolar “por que incumpriu todos os protocolos" establecidos.

O pai do neno pediu ás autoridades que "consideren a necesidade dun psicólogo" para o seu fillo, porque "non se atreve" a volver á clase.

Engade que considera "necesario un curso de formación específica para monitores que acompañan os nenos" e expresa o seu "pleno apoio" á directora do centro porque se puxo en contacto coa familia "desde o primeiro momento" .

A monitora encargada de acompañar os alumnos que viaxaba nese bus escolar foi despedida, segundo fontes da asociación de nais e pais ANPA.

Á protesta acudiron tamén a deputada do BNG Mercedes Queixas e o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane.

O sindicato CIG-Ensino emitiron un comunicado en apoio á directora en que acusa a Xefatura Territorial da Coruña de "desviar a atención das responsabilidades que lle corresponden á Administración, por ser quen contrata as empresas de transporte".