Denuncian a corta masiva de árbores sas na ribeira do Miño en Lugo por parte da Confederación Hidrográfica
O Miño está estes días a mudar a súa faciana ao seu paso por Lugo. Varias brigadas contratadas pola Confederación Hidrográfica ocúpanse de cortar as árbores enfermas nun tramo de medio quilómetro de lonxitude na beira dereita do río. Das 40 que se van retirar, a maioría son ameneiros afectados por un fungo.
"É un traballo que se viña demandando dende hai moitos anos. Tiña que estar feito hai polo menos dez anos. Evitariamos os atrancos e a rotura dos caneiros que se están producindo. Cos troncos que temos aquí ao fondo, coas riadas do inverno rompen os caneiros, que xa están bastante deteriorados", sinala un piragüista.
A corta está a recibir as críticas dos colectivos cidadáns e ecoloxistas en defensa do Miño. Denuncian que moitas das árbores que se van abater están sas, polo que esixen que se paralicen canto antes os traballos.
Nery Díaz, membro da plataforma Lugo de cara ao Miño: "A verdade, a min paréceme que isto é unha desfeita, unha barbaridade. Aquí cortáronse que era necesario cortar e moitos outros que non era necesario para nada. Vin os montóns de árbores qu hai por aí, vexo os cortes, e vese que hai árbores absolutamente sas. Non me parece que esta sexa a forma de facelo. Estamos nunha zona da Rede Natura, que ten que estar protexida, e estoume dando conta de que precisamente a institución que se ten que encargar de protexela é a que está encargando con cartos públicos destruíla. Isto a min paréceme moi grave e ten que paralo xa".
A corta foi aínda maior na beira dereita do río, onde se abateron, como mínimo, centos de árbores. Por outra banda, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil non prevé, polo momento, acometer unha repoboación do bosque de ribeira.