CRTVG

Buscar

Denuncia unha invasión da propiedade e corta masiva de carballos en Cerceda

Publicado o 28/06/2021 13:59

A corta duns carballos está a causar polémica nunha parroquia do concello coruñés de Cerceda. 

María Vilar Golán, muller do propietario: "Esta carballeira ten máis de cen anos. Había de todos os diámetros".

María presentou a semana pasada unha denuncia na Garda Civil de Ordes por invasión dunha propiedade privada e tala masiva. Ensina os documentos cos que acredita que a carballeira era dela e dunhas irmás e que lla venderon ao antigo crego desta parroquia a finais dos anos 80. O crego era seu tío político.

María Vilar, muller do propietario: "Vendémoslle a peza a el, que é o tío do meu marido. Só tiña un sobriño, José Antonio Riveiro Bastilleiro, e el é o único herdeiro de seu tío, que morreu no ano 2014".

O actual crego de Rodís leva dous anos na parroquia e admite que foi el o que encargou a corta e solicitou os permisos. 

Manuel Chouciño Pardo, crego de Rodís: "Non para unha corta total, para unha corta selectiva, deixando os mellores carballos para que abrisen as copas e facer unha zona verde. A xente sábeo, polo menos os que ían á misa, porque levamos máis dun ano dicindo que esa parte a iamos transformar nun espazo verde para todos".

Nunca pensou que a propiedade non era da Igrexa. Manuel Chouciño Pardo, crego de Rodís: "Non tiñamos constancia de que puidese haber problemas, sobre o terreo está nun anexo ao cemiterio e no catastro aparece como que o arcebispado ten dominio sobre a unidade enteira".

A Garda Civil entregou as dilixencias no xulgado de Ordes. O crego actual asegura que quere facer as cousas ben. 

Manuel Chouciño Pardo, crego de Rodís: "Eu non estou enfadado con esas persoas, tamén son fregueses e non vou botar en contra deles. Ademais, teñen todo o dereito de reclamar o seu. O único que molesta é que collan outra vía en vez da vía pacífica de falalo e amañalo entre nós".

Noticias web

28/06/2021