Dende hoxe podemos comprar ou vender a nosa casa mediante unha poxa en Internet
Irlanda, O Reino Unido, Suráfrica e agora tamén Chipre e España. Un portal irlandés acaba de comezar as poxas de inmobles, que aquí as inmobiliarias clásicas acollen con certo escepticismo.
"O mercado español compórtase dunha maneira e o mercado anglosaxón doutra maneirta, e é alí onde tiveron máis éxito", comenta Santiago dende a inmobiliaria en que traballa.
Puxeron máis dun cento de vivendas na poxa. Un exemplo, un piso en Tarragona. Oito da mañá. Un cliente fai a primeira oferta: 71.000 euros. Quince minutos despois, outro responde con 1.000 euros máis. E o primeiro volve subir 1.000.
"Que esta poxa exista é un pouco malo. Indica que non somos quen de poñer uns prezos equilibrados", valora Carmen dende a súa inmobiliaria.
O piso de Tarragona bota media mañá nos 73.000 euros. Os clientes para poxar tiveron que poñer un depósito do un por cento do valor do piso, que lle devolverán se non gañan esta batalla de cartos que, asegura o portal, axilizará o proceso de compra, que na actualidade é lento, como lamentan as axencias inmobiliarias.
"Se antes vendías un piso en tres meses, agora falo en cinco", comenta Carmen, botando a culpa do atraso aos trámites bancarios. Pero o portal promete completar o proceso en 90 días, algo que esta xerente inmobiliaria observa con escepticismo: "Non creo que o Banco de España diga que como isto é novo vai cambiar de táctica. Ou ao mellor si".
Unha da tarde. Quedan quince minutos para que remate a poxa. Os dous clientes guindánse ofertas cada vinte segundos. O gañador pagará 82.000 euros. Non necesitará ver a ninguén ata que firme ante o notario.
"Ti precisas sempre o ti a ti, a confianza que che van dar as inmobiliarias", opina Santiago.
"A xente quererá sempre tocar o que compra. E xa non che digo en Galicia. Non coñezo ningún galego que compre sen tocar", sentenza Carmen.
A ver como funciona esta novidade en Galicia, onde non había ningún inmoble nesta primeira poxa.