CRTVG

Buscar

Nova etapa en Galicia: sen estado de alarma, con euforia e certo medo a novos gromos

Publicado o 09/05/2021 13:56

Esta fin de semana entramos nunha nova etapa. Finalizado o estado de alarma, as comunidades autónomas víronse na obriga de artellar as súas propias normas anticovid.a. En Galicia a maioría delas entraron xa en vigor.

Cómpre subliñar que esas restricións xerais se aplican en practicamente toda Galicia agás naqueles concellos que estean no nivel máximo, que seguirán tendo unhas limitacións máis duras derivadas da súa situación epidemiolóxica. Hai que telas en conta dende hoxe mesmo:

En primeiro lugar, elimínase o toque de recollida. Nas últimas semanas estaba fixado nas once da noite e dende hoxe esa limitación xa non existe.

En segundo lugar, os horarios da hostalería amplíanse. Cafeterías e bares poderán abrir ata as once da noite, e os restaurantes teñen a posibilidade de funcionar ata a unha da mañá. Iso si. Dende as doce da noite xa non poderán admitir clientes.

Unha vez que pechen os restaurantes non poderemos seguir coas reunións nos domicilios. Porque unha terceira limitación impide as xuntanzas de non conviventes entre a unha e as seis da mañá.
No resto do día continúan as mesmas restricións que ata o de agora neste aspecto: as reunións de persoas que non convivan poderán ser dun máximo de catro persoas en recintos pechados e de seis en lugares abertos e isto vale tanto para espazos públicos como privados.

En cuarto e último lugar, unha medida que entra en vigor o domingo é a apertura do peche perimetral autonómico. Despois de varios meses sen poder saír de Galicia, xa por fin poderemos cruzar os límites sen necesidade dunha xustificación.

Todas estas medidas estarán en vigor quince días, ata o 22 de maio. Despois, volveranse revisar.