CRTVG

Buscar

Demandan un sistema de ancoraxe de cadeiras pola morte dunha nena de tres anos en Vilanova de Arousa

Publicado o 10/02/2021 11:34

Os pais dunha nena de tres anos que morreu nun accidente de tráfico en Vilanova de Arousa demandaron a empresa que lles vendeu un sistema de retención para a cadeira da pequena. Aseguran que é un sistema que non está homologado e que pon en risco a vida dos menores. Un informe da Garda Civil apoia o seu argumento.

A finais de setembro do 2018, unha pequena de apenas 3 anos faleceu nun accidente de circulación ocorrido en Vilanova de Arousa. A investigación posterior da Garda Civil de Tráfico determinou que unha das causas probables do falecemento, non a única, podía ser o uso do aparello RiveKids, que é un sistema de suxeición para menores que seus pais puxeron no coche. A familia da pequena iniciou un proceso xudicial contra a empresa comercializadora desta tecnoloxía por un suposto caso de publicidade enganosa e un defecto na fabricación do aparello.

Xoán Carlos Cabada, avogado da familia: "Hai pouco recibimos un informe de Industria dicindo que non ten a homologación necesaria. Así que Tráfico pode desenganchar a cadeira do neno, inmobilizar un coche que o leve porque non está verificado como elemento de seguridade para os nenos e nenas e poderían ser multados por empregar este aparello".

O mecanismo que, en teoría, permite gañar máis espazo nos asentos, é unha peza ancorada no Isofix ao sistema de retención infantil. O informe da Garda Civil concluíu que, como consecuencia do impacto, a cadeira da nena moveuse sete centímetros cara adiante, un pequeno movemento, pero suficiente para que a nena batera contra o asento dianteiro e morrera por traumatismo cranioencefálico.

O avogado da familia aseguran que a homologación que acredita a empresa non está feita por ningún fabricante de vehículos nin por ningún fabricante de cadeiras de bebés.

A pequena, no momento de producirse os fatal accidente, ía nunha cadeira de bebé no asento traseiro. Supostamente levaba axustado este dispositivo despois de que o pai consultara as súas características comprobando que aparecía como un elemento de seguridade para os vehículos.

O dispositivo rivemove

O dispositivo rivemove publicitárase coma un aparello que proporciona máis espazo útil nos asentos traseiros do coche, movendo a cadeira do cativo lonxitudinalmente cara á porta do automóbil.

Na web do fabricante do aparello pódese descargar un informe de probas dun laboratorio independente, conforme á regulación europea, pero este informe foi elaborado probando só catro modelos de cadeiras de catro marcas diferentes, cando tan só no mercado español conviven centos de referencias diferentes. As marcas de cadeiras para nenos non aconsellan o uso deste dispositivo, nin se fan responsables da seguridade dos seus produtos cando se usan fóra das súas recomendacións de instalación.

En todo caso, todos os expertos recomendan que os cativos vaian a contramarcha polo menos ata os 4 anos de idade.

Noticias web

10/02/2021