CRTVG

Buscar

Deixan unha bolsa con ósos humanos ao pé dunha casa en Ribadeo

Publicado o 02/02/2021 14:21

Carmen quedou arrepiada cando foi recoller unha bolsa de plástico por dentro da reixa da súa casa, na parroquia ribadense de Rinlo. Crendo que se trataba de sobras para o can, viu que no seu interior había unha caveira, entroutros restos humanos.

Carmen del Río, deixáronlle ósos humanos ao pé da casa: "Eu a primeira cousa que fixen en canto vin a bolsa foi tocar a caveira, e xa me puxen malísima. Fomos para o cuartel, a primeir cousa, e chamei o cura, e díxome que esa era unha cousa moi grave, que iso non se podía facer".

Segundo asegura Carmen, falou daquela cunha veciña á que lle vendera un nicho anos atrás e ela admitiu que se trataba dos ósos que había dentro. Correspondían, polo tanto, a un mozo que morrera a finais dos 80 e que carecía de recursos, polo que o seu pai lle cedera un nicho no cemiterio de Rinlo.

Carmen del Río, deixáronlle ósos humanos ao pé da casa: "Fomos ao cuartel e viñeron detrás nosa. Chegaron, aparcaron e unha rapaza abriu a bolsa para comprobalo. Entón agarramos e fomos ao cemiterio e eu ensineilles onde estaba,a rapaza mirou e viu que non era de agora, que estaba cheo de arañeiras, e dixo que os ósos eses foran quitados había moito tempo xa".

Tras seren depositados os restos de novo nun nicho da súa familia, Carmen espera que poidan por fin descansar en paz nun dos cemiterios municipais de Ribadeo.

Noticias web

02/02/2021