CRTVG

Buscar

Defensa leva á Fiscalía o chat en que militares retirados falaban dun golpe de estado e fusilamientos

Publicado o 03/12/2020 15:46

A ministra de Defensa Margarita Robles levou á Fiscalía a información publicada dun chat de  exmilitares en que un dos seus participantes se refire ao fusilamento de 26 millóns de españois, que "repugna ao respecto debido nunha sociedade democrática" e podería ser delituoso.

No escrito, a ministra presenta os feitos ante a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid para que investigue "a súa eventual relevancia penal, en defensa da legalidade" e para "salvagardar a honorabilidade e a pública estimación das Forzas Armadas e dos homes e mulleres que as integran".

"A súa conduta exemplar non ten nada que ver con manifestacións que repugnan ao respecto debido nunha sociedade democrática, pluralista e baseada na liberdade política e ideolóxica", engade Robles sobre os membros das Forzas Armadas.

O xornal Infolibre publicou este mércores unha información sobre ese chat en que o xeneral retirado Francisco Bolsa escribiu que quedaría curto fusilando 26 millóns de "fillos de puta" e chamou "irrepetible" a Franco.

A conversa de WhatsApp pertence a membros da XIX promoción do Exército do Aire, todos xa retirados, e inclúe mensaxes contra o Goberno de coalición, fala de pronunciamentos e do seu desexo de "morte" de membros do Executivo.

Nese foro de exmilitares, segundo o diario, reproduciuse ademais un audio do líder de Vox, Santiago Abascal, para saudar os seus membros. Onte este partido desvinculouse del afirmando que é unha conversación que lle é "completamente" allea, pero non condenou o seu contido.