Decretan prisión sen fianza para a muller que afogou a súa filla na bañeira en Xirona
Na súa comparecencia perante o xuíz, a parricida reconstruíu o sucedido o pasado luns no seu domicilio de Xirona. Segundo contou despois o fiscal, a muller dixo que ese día estaba desesperada, que o vía todo negro. Recolleu á filla de 10 anos de clases de mecanografía e xa na casa, deulle unhas 80 pílulas antidepresivas.
Enrique Barata, fiscal do caso dixo que as mesturou con auga e deullas á nena. "Mesmo lle preguntei na reconstrución se a nena non mostrou desconfianza para beber ese líquido e a nai díxolle que o bebera que lle ía ben para a gorxa porque tivera anxinas, a nena non desconfiou e bebeuno", engade.
Coa pequena xa inconsciente, meteuna na bañeira e afogouna e despois contoulle o que fixera a unha veciña, a un xornalista e aos servizos de urxencias. A autopsia determinará se, ademais da intoxicación, hai sinais de afogamento. O fiscal pediu prisión sen fianza e a defensa optou pola liberdade ou o ingreso nun centro psiquiátrico. Enrique Barata di que está orientada, razona. "Non se aprecian razóns para un internamento psquiátrico pero si nun contorno controlado onde poida ser sometida a valoración como pode ser o centro penitenciario", afirma.
A detida pasará por outro exame médico. A familia lembra que padece problemas mentais e pide respecto para ela.