CRTVG

Buscar

Decretan prisión provisional para o home acusado de matar a súa muller en Gondomar

Publicado o 22/12/2020 19:08
Decretan prisión provisional para o home acusado de matar a súa muller en Gondomar

O Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo decretou este martes prisión provisional comunicada e sen fianza para o home acusado de matar a súa muller na parroquia de Mañufe, en Gondomar, un crime ocorrido o pasado 2 de decembro.

En concreto, segundo informaron o TSXG, o home, que permanecía ingresado no hospital, foi dado de alta este martes, detido pola Policía Nacional e trasladado a sede xudicial, onde pasou a disposición xudicial.

Está investigado como presunto autor dun delito de asasinato. O crime que se lle atribúe ocorreu na tarde do pasado 2 de decembro, cando a Garda Civil recibiu un aviso sobre un posible caso de violencia machista en Gondomar. Unha vez na vivenda, os axentes atoparon unha muller falecida con feridas presumiblemente de arma branca.

Ademais, acharon o presunto agresor, a súa parella, ferido tras, supostamente, tratar de suicidarse, polo que foi trasladado ao hospital.

O matrimonio, de 59 e 64 anos, tiña dous fillos maiores de idade, un deles dependente e do que se fixo cargo a familia.