CRTVG

Buscar

Decretan o peche do centro cívico coruñés de Feáns

Publicado o 10/03/2020 09:22

• Elevan a 18 os contaxios en Galicia: 13 na Coruña, 4 en Vigo e un Ourense | Once casos da Coruña teñen orixe en Feáns

O número de positivos por coronavirus ascende en Galicia a 18, dous están graves na UCI. Este luns confimáronse 13 novos casos. Un foi en Ourense e 12 na Coruña. Deses 12 casos na Coruña, 11 teñen o foco epidemiolóxico no centro cívico de Feáns. Sanidade xa ordenou pechalo para evitar novos contaxios.

Sanidade conclúe que 11 dos 12 novos positivos na Coruña comparten foco epidemiolóxico no centro cívico de Feáns, por iso ordenou pechalo para evitar novos contaxios. Estará clausurado polo menos 15 días. Os contactos dos infectados están agora en vixilancia activa,

"Contáctase con eles todos os días telefonicamente para comprobar que tomaron a temperatura,que non hai alteracións... O consello é que manteñan un certo illamento social, non que queden pechados na casa pero que non fagan actividades que non sexan necearias", di Xurxo Hervada, subdirector xeral de Epidemioloxía.

"No caso de ter sintomas hai que quedar no domicilio para que, nese momento, vaian os sanitarios ao domicilio a facer o test se clinicamente o paciente pode estar no seu domicilio", asegura María José Pereira, xefa de servizo de Medicina Preventiva do Hospital da Coruña.

O que lle queda por determinar agora a Sanidade é se estes 11 casos do centro cívico son importados, como o resto dos detectados en Galicia, ou non. O outro caso novo confirmado este luns na Coruña, é importado. Tamén o é o de Ourense. Trátase dunha profesora que estivo en Venecia. Sanidade di que este caso non esixe medidas especiais no colexio porque a profesora presentou os síntomas despois do último día que deu clase.

"En principio non esixe medidas especiais ese colexio porque, por sorte, non houbo alumnos en risco polo que sabemos. Estanse estudando os cotactos da profesora pero xa a outro nivel, na súa vida familiar e persoal", afirma Xurxo Hervada, subdirector xeral de Epidemioloxía.

Aos 12 casos da Coruña e máis o de Ourense confirmados este luns, hai que sumarlles os que xa había. Os catro de Vigo, que gardan relación familiar, e o da Coruña, que foi o primeiro detectado en Galicia.

Dos 18 positivos, dous son os que están máis graves, están ingresados na UCI. Pero a maioría dos infectados recibe atención no domicilio por ser os síntomas leves.

"Dous na UCI, un está na Coruña e outro en Vigo", di Xesús Vázquez Almuíña, conselleiro de Sanidade.
Sanidade apunta a baixa incidencia do coronavirus en Galicia, realizáronse 320 probas e foron positivas 18. Lembra ademais que hai dous teléfonos para as dúbidas por coronavirus o 061 e máis o 900 400 116.

 

Noticias web

10/03/2020