Decretan a intervención xudicial de Alu Ibérica durante seis meses
• O comité de empresa da Coruña pide que a SEPI xestione a planta
• O Ministerio de Industria valora a intervención de Alu Ibérica para evitar a súa "espoliación"
AXENCIAS
O Xulgado Central de Instrución número 3 de Madrid decretou a intervención xudicial de Alu Ibérica, a sociedade propietaria das plantas de aluminio da Coruña e Avilés. Esta medida, ditada nun auto con data do 27 de abril, terá unha duración de seis meses prorrogable, no seu caso, por períodos iguais.
Na resolución, indica que a medida solicitada polo Ministerio Fiscal Anticorrpución o 12 de marzo, respecto á adopción de medidas cautelares, “advírtese como a máis axeitada e proporcionada neste momento procesual”. Ademais, designa funcionarios da Intervención Xeral da Administración do Estado e da Intervención Xeral da Seguridade Social como administradores xudiciais.
“Evidénciase a indubidable necesidade de adoptar as cautelas precisas para evitar que durante a substanciación do presente procedemento, as entidades quereladas poidan realizar operacións que incidan na, ata o momento, indiciaria actuación de descapitalización e despatrimonialización das empresas e os centros de produción da Coruña e Avilés”, apunta.
A Avogacía do Estado anunciou hai uns días a súa comparecencia na causa penal aberta neste xulgado en relación cunha querela contra as empresas Alcoa, Parter e Risco vinculadas ás fábricas de aluminio galega e asturiana.
A querela foi interposta pola Confederación de Cadros Profesionais (CCP) contra as citadas empresas por branqueo de capitais, insolvencia punible e outros delitos. A iniciativa pretende defender os intereses do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo respecto das axudas públicas concedidas por compensación indirecta de custos de emisións contaminantes.
O Xulgado Central de Instrución número 3 da Audiencia Nacional mantén unha investigación, que se atopa baixo secreto de sumario, ao redor da presunta despatrimonialización fraudulenta das factorías alumineiras.
O comité de empresa pide que a SEPI xestiona a planta
O presidente do comité de empresa de Alu Ibérica na Coruña, Juan Carlos López Corbacho ve "evidencias claras" do "engano" e a "estafa" que supuxeron esas operacións, nas que "se baleiraron" as factorías. Por iso, ademais da intervención do xulgado, reclama que entre a sociedade estatal de participacións industriais ( SEPI), dependente do Ministerio de Industria, a xestionar as plantas, para "salvagardar" a actividade e os postos de traballo.
Industria valora a intervención de Alu Ibérica para evitar a súa "espoliación"
O Ministerio de Industria valorou a intervención xudicial de Alu Ibérica, propietaria das antigas plantas de Alcoa en Avilés e A Coruña, porque evitará "a posible destrución de probas e a espoliación ou baleirado" das fábricas, apuntaron a Efe fontes do departamento.
Fontes do Ministerio valoraron a decisión da Audiencia Nacional, "un feito que se produce grazas á comparecencia do Ministerio de Industria no proceso", incidiron. "Con esta decisión da Audiencia Nacional, evítase a posible destrución de probas e a espoliación ou baleirado das fábricas da Coruña e Avilés, xa que non poderán facer pagos ou cobranzas de máis de 20.000 euros sen autorización do interventor xudicial ou da maxistrada", engadiron as fontes.
"Agora é momento de traballar xuntos, Administracións e sindicatos para garantir o futuro das dúas plantas", concluíron as fontes de Industria O Xulgado Central de Instrución número 3 de Madrid decretou a intervención xudicial de Alu Ibérica, a sociedade propietaria das plantas de aluminio da Coruña e Avilés, que suman preto de 700 empregos.
Fondo de investimento suízo
En 2019, Alcoa vendeulle ao fondo de investimento suízo Parter Capital as plantas que tiña en Avilés e A Coruña, despois dun longo proceso que arrincou a finais de 2018 cando a multinacional estadounidense anunciou a súa intención de pechar as dúas fábricas.
A compañía xustificou entón a súa decisión nos altos custos da electricidade en España, a necesidade de facer grandes investimentos e a difícil conxuntura nos mercados de aluminio.
Con todo, Parter Capital non tardou en desprenderse das dúas plantas de Alcoa, que foron adquiridas polo Grupo Industrial Risco xa baixo a denominación de Alu Ibérica, sen informar previamente o Ministerio de Industria nin aos gobernos autonómicos e á representación do persoal, que acusan ao novo propietario de carecer dun proxecto industrial solvente.
Segundo a CCP, que cifra en 688 o número de persoas empregadas nos centros da Coruña e Avilés, Alcoa enganou os sindicatos no marco da negociación do despedimento colectivo, iniciado a finais de 2018.
O escrito da querela relataba o proceso de venda e concluía que "os querelados levaron a que a titularidade das dúas factorías termine en mans de empresas pantalla sen capacidade nin para levar a cabo o plan de negocios, nin o do pago dos salarios, nin o do investimento, co que se frustra o obxectivo final da negociación: a salvagarda dos postos de traballo".