CRTVG

Buscar

Declaran o pazo de Meirás propiedade do Estado e ordenan a súa devolución

Publicado o 02/09/2020 15:44

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña estima integramente a demanda para a devolución do Pazo de Meirás interposta polo Estado, ao que declara propietario do inmoble. Así o comunica o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Ordénase á familia Franco a súa devolución sen ser indemnizada polos gastos en que afirma incorrer para o mantemento da propiedade. 

A maxistrada declara a nulidade da doazón efectuada en 1938 da "leira denominada Torres ou pazo de Meirás ao autoproclamado xefe do Estado, Francisco Franco Bahamonde, por carecer do requisito esencial de forma".

A sentenza non é firme e contra ela cabe interpoñer recurso de apelación.

Os Franco recorrerán

A familia Franco recorrerá a sentenza dada a coñecer este mércores polo Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña que ordena a devolución do Pazo de Meirás ao Estado, ao que declara propietario do Inmoble. Segundo o seu avogado, Luís Felipe Utrera, a resolución adoece de erros e evita rebater os argumentos fundamentais esgrimidos pola familia do ditador para reter a posesión.

Con todo, entende que os Franco non deben abandonar o inmoble ata que haxa unha resolución xudicial firme. O  letrado sinalou a súa intención de recorrer a pesar de admitir que aínda lle falta realizar un estudo pormenorizado da resolución, que ten 400 páxinas, e que ademais de ordenar a devolución do pazo ditamina que os Franco non deben ser indemnizados polos gastos en que afirma incorrer para o mantemento da propiedade.

"Desde o punto de vista xurídico, non podo estar máis en desacordo coa sentenza, que a falta dunha lectura en profundidade parece que evita rebater os argumentos fundamentais da contestación á demanda -afirmou o avogado-

O Goberno celebra que a Xustiza ordene aos Franco a devolución do inmoble

A ministra portavoz do Goberno, María Jesús Montero, celebrou este mércores a decisión do xulgado galego que ditaminou que o Pazo de Meirás é propiedade do Estado e obriga aos herdeiros do ditador Francisco Franco a devolvelo: "Parécenos de xustiza, é un patrimonio que pertence ao pobo español e tiña que volver ao pobo español".

Preguntada polo asunto nunha conferencia de prensa convocada para informar da reunión entre o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e do PP, Pablo Casado, Montero destacou a acción do Executivo, que interpuxo a demanda, en cumprimento dun mandato unánime do Parlamento galego e en liña coa defensa da memoria democrática.

No entanto, lembrou que os procesos xudiciais adoitan ser complexos, así que hai que esperar a que a decisión sexa definitiva, aínda que engadiu que non sabe se a familia Franco se oporá á decisión.

Montero, de cuxo Departamento depende Patrimonio do Estado, mostrouse satisfeita por esta "decisión histórica" e recalcou que "pon en valor que o Goberno toma moi en serio a memoria democrática e a recuperación do patrimonio que forma ilegal ou fraudulenta foi furtado ao Goberno español".

A Xunta de Galicia tamén celebra esta resolución xudicial, que cualifica de positiva para o interese xeral e para Galicia.

O Conselleiro de Cultura lembra que o ditame do comité de expertos serviulle de base á Avogacía do Estado para reclamar con éxito o Pazo de Meirás.

BNG e PSdeG trasladan a súa satisfacción tras a sentenza

O BNG e o PSdeG coincidiron en trasladar a súa satisfacción pola sentenza xudicial que determina a devolución do Pazo de Meirás ao Estado e apelaron a seguir traballando para "restituír" a memoria histórica e avanzar en "recuperar a dignidade das vítimas".

Nun comunicado, os nacionalistas congratúlanse polo pronunciamiento do Xulgado de Primeira Instancia número un da Coruña, do que afirman que é "un primeiro paso para a devolución deste inmoble aos veciños e ao pobo galego".

Lembran tamén que, a instancias do BNG na Deputación da Coruña con Goretti Sanmartín como vicepresidenta, promoveuse a elaboración dun informe "que abría as portas legais á reclamación".

Tamén afirman que é "necesario proseguir neste camiño democrático" para recuperar tamén a Casa Cornide.

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, pon en valor "o innegable compromiso" do Goberno socialista "coa memoria histórica", aínda que apela a seguir traballando "para avanzar na construción dun país que repare a memoria e a dignidade das vítimas da ditadura".

Tamén avoga, neste sentido, por avanzar para recuperar bens como a Casa Cornide.

Outras reaccións

Mentres, desde o colectivo os '19 de Meirás', denunciados pola familia Franco após unha protesta no inmoble en 2017, cualificaron de "moi boa noticia" unha sentenza que vinculan con "a presión e a loita incansable durante moitos anos de colectivos e activistas da memoria histórica".

Como pediu o BNG, reclaman o arquivo da denuncia contra eles da que afirman que "hoxe ten menos sentido que nunca".

Tamén piden manter "a loita" ata que haxa sentenza firme sobre a devolución do inmoble.

En similares termos, pronúnciase a Comisión pola Recuperación dá Memoria Histórica (CRMH) da Coruña, que considera unha "vitoria da democracia e da xustiza social" un fallo "que se consgiue despois de moito traballo da cidadanía e de diferentes institucións".

"Que mostra que todos os días hai que traballar polo futuro e pola democracia que queremos", engade, instando a seguir facéndoo para recuperar a Casa Cornide, da Coruña.

O agasallo forzoso a Francisco Franco

Situado no concello de Sada, o pazo de Meirás comezou a contruirse en 1893 e pertencía á escritora e aristócrata Emilia Pardo Bazán,aínda que hai estudos que certifican que unha das súas torres podería data do século XVI, unha fortaleza dos Patiño, señores de Bergondo.

En 1938 os sucesores da escritora deciden doar o pazo á Xunta Provincial pro pazo do caudillo, encabezada polo daquela gobernador civil da Coruña, Julio Muñoz Aguilar e polo banqueiro Pedro Barrié de la Maza.

Os dous crean unha comisión que se encarga de recadar fondos para acondicionar o pazo e regalarllo despois a Francisco Franco. Estes cartos conséguense por medio de doazóns forzosas por parte de funcionarios, traballadores e veciños.

O pazo de Meirás convértese así na residencia de verán xefe do Estado e como tal acolle a celebración de consellos de ministros e recepcións oficiais no mes de agosto durante a ditadura. Entre outros tesouros o pazo de Meirás garda na súa decoración obras do mellor do artesanado galego da época. Tamén a valiosa bibiloteca de Emilia Pardo Bazán.

Hoxe, a xustiza deu un primeiro paso para que os herdeiros do ditador devolvan o pazo ao patrimonio público.