CRTVG

Buscar

Declaran na Fonsagrada os investigados polo caso do centro clausurado

Publicado o 16/04/2020 20:10

A titular do xulgado de primeira instancia da Fonsagrada comezou a tomarlles declaración ás testemuñas e ás persoas investigadas polo caso das dúas vivendas comunitarias que foron clausuradas a semana pasada na Pobra de Burón. A xuíza tomou a decisión de que todas prestasen declaración coa calidade de investigadas para unha mellor garantía dos seus dereitos.

Hoxe foron citadas no devandito xulgado sete persoas en calidade de investigadas (4 traballadoras e 3 personas vinculadas coa dirección do centro). Tamén se tomou declaración a outros catro profesionales, non relacionados co centro, coma testemuñas.

Tras recoller todos os testemuños das once persoas chamadas a declarar, a xuíza decidiu que o caso sobre os presuntos malos tratos de maiores nestas vivendas tuteladas seguirá o seu curso en fase de instrución.

Unha vez finalice e se determine o auto, a Fiscalía presentará as súas peticións ante o poder xudicial, que será o que determine cales son os feitos probados que poidan afectar os directivos, donos e traballadores do centro.

En todo caso, o estado de alarma alongará este proceso debido a que algunhas das dilixencias abertas non se poderán investigar ata que finalice a orde de confinamento que se aprobou co Real Decreto anunciado o pasado 14 de marzo.

A primeira denuncia produciuse a raíz dun informe emitido polos servizos sociais

A causa séguese por un posible maltrato habitual e continuado e, eventualmente, un delito contra os dereitos dos traballadores. Ademais, aínda que tiñan capacidade para 23 residentes, nos dous centros vivían 29 anciáns en malas condicións. 

A primeira denuncia produciuse a raíz dun informe emitido polos servizos sociais municipais, en que se advertía de posibles malos tratos aos residentes e de diversas irregularidades na atención que se lles prestaba.

Dada a gravidade da situación, a Garda Civil e mais a inspección de Servizos Sociais da Xunta desprazáronse ata os centros, onde constataron os feitos denunciados e ordenaron o seu peche inmediato.

Logo de seren trasladados ao HULA para a súa revisión médica, os anciáns estar a ser recolocados na residencia pública da terceira idade do Carballiño.

Noticias web

16/04/2020