CRTVG

Buscar

Declaran en Vigo sete dos detidos en Galicia pola súa relación coa cocaína comisada nos últimos meses no mar

Publicado o 24/06/2019 13:50

A estas horas declaran nun xulgado de Vigo sete das persoas detidas en Galicia pola súa suposta relación coas máis de tres toneladas de cocaína incautadas pola policía nos últimos meses no mar. As investigacións apuntan a que os presuntos narcotraficantes galegos serían os encargados de introducir a droga en Europa. Na operación foron detidas un total de 16 persoas.

O titular do Xulgado de Instrución número 4 de Vigo tómalle declaración hoxe a Salvador Dios Otero, presunto contacto galego, con outras seis persoas, das redes interceptadas nos últimos meses que tentaban introducir en Europa máis de 3 toneladas de cocaína.

Concretamente, a policía sospeita que Dios Otero, veciño de Bueu, era quen ía xestionar desde o porto galego o transporte de 1.500 quilos de cocaína que foran incautados, en xullo do ano pasado, nun veleiro preto das illas Azores. Foi nunha operación dirixida desde o mesmo xulgado de Vigo que hoxe instrúe o caso.

Tamén o relacionan co alixo doutra tonelada e media de cocaína comisada polo Greco Galicia hai un mes a bordo dunha embarcación que navegaba entre Cabo Verde e as Canarias.

Ademais de Salvador Dios, que xa fora condenado hai anos pola súa relación co tráfico de drogas, na operación foron detidas outras 16 persoas.

E nos últimos días outra operación da Policía Nacional permitiu desbaratar os contactos entre dúas organizacións, colombiana e británica, con narcotraficantes da provincia de Pontevedra.

Gemma Méndez, voceira da Policía Nacional: "As investigacións iniciáronse en xullo do ano pasado cando se tivo coñecemento, grazas á colaboración internacional, de que un alto integrante dun grupo criminal de Colombia chegaba ao noso país para realizar os contactos co fin de establecer unha vía de entrada para recibir un cargamento de estupefaciente. Realizou viaxes a Pontevedra, inicialmente con dúas persoas e posteriormente cun integrante dun grupo británico, para establecer estas relacións e coordinar a chegada do estupaciente".

As dúas organizacións asociáronse para compartir a loxística de distribución da droga por España e polo Reino Unido. O seguimento policial permitiu deter 16 membros destas organizacións cando ían facer entrega da droga nun centro comercial de Leganés. Os axentes incautáronse dunha tonelada de cocaína escondida nesta furgoneta grazas a un complexo sistema hidráulico. Activado por imáns, levantaba os fondos do vehículo onde estaba agochada a droga.

Noticias web

24/06/2019