CRTVG

Buscar

Culpable de asasinato o home que matou o seu compañeiro de piso en Labañou

Publicado o 10/09/2020 17:05
Culpable de asasinato o home que matou o seu compañeiro de piso en Labañou

O xurado declarou culpable de asasinato o home que matou un compañeiro de piso, en abril de 2019, no barrio coruñés de Labañou.

Así o informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) despois de que na última sesión do xuízo, celebrada o mércores na Audiencia Provincial da Coruña, os peritos descartaran que o home, que confesou os feitos, padeza unha enfermidade mental.

Por estes feitos, que o procesado atribuíu a un "arrebato" e á difusión dun vídeo sexual, a Fiscalía solicitou 17 anos de cárcere por un delito de asasinato, mentres que a defensa expuxo que eran constitutivos dun delito de homicidio imprudente polo que pedía tres meses de prisión.

Subsidiariamente, propuxo unha condena por homicidio cunha pena de dous anos e seis meses de prisión e con substitución da mesma pola expulsión do seu cliente, natural do Uruguai, de territorio español.