CRTVG

Buscar

Declaran cinco dos detidos na última operación antidroga desenvolvida en Pontevedra

Publicado o 17/12/2020 14:21

Cinco dos sete detidos nunha operación antidroga desenvolvida pola Garda Civil e mais a Policía Local de Pontevedra seguen declarando en sede xudicial, onde foron trasladados hoxe.

O operativo que conduciu á detención destas cinco persoas, máis outras dúas que xa quedaron en liberdade con cargos en sede policial, estivo dirixido polo xulgado de instrución número 2 de Pontevedra.

Participaron efectivos da Garda Civil en colaboración con axentes da Policía Local de Pontevedra e estendeuse por seis puntos do municipio, onde se efectuaron varios rexistros de inmobles nas rúas Paseo de Colón e Manuel del Palacio, no barrio de Monte Porreiro e nun establecemento de hostalería da rúa da Peregrina.

O epicentro do dispositivo localizouse nun chalé en San Brais, na parroquia de Salcedo, onde foron arrestadas tres destas persoas.

Os investigadores consideran que formaban parte dunha rede de distribución de drogas a pequena escala, o que se coñece como venda polo miúdo, pero que movían cantidades de certa importancia.

Nas pescudas, os axentes incautáronse de cocaína, marihuana, haxix e anfetaminas. Tamén moita documentación que agora está sendo analizada. O caso, que é froito dun labor de pescuda desenvolvido durante varios meses, con seguimentos e detencións previas, está agora baixo segredo de sumario.

Os organismos policiais facilitaron imaxes do arsenal apreixado a este grupo presuntamente criminal. Ademais dos estupefacientes e das substancias requiridas para a súa preparación, nos rexistros os axentes incautáronse dunha pistola de aire comprimido, nove armas brancas, dezanove teléfonos móbiles, tres ordenadores portátiles e 16.600 euros.

Noticias web

17/12/2020