CRTVG

Buscar

Declarados 312 concursos de acredores en Galicia en 2020, un terzo no último trimestre

Publicado o 05/02/2021 11:46

• A cifra supón un descenso do 9,5 % respecto do ano anterior

• Os datos do último trimestre empeoran un 57 % respecto do mesmo período de 2019

Declarados 312 concursos de acredores en Galicia en 2020, un terzo no último trimestre

Un total de 312 empresas e familias declararon concurso de acredores (suspensión de pagamentos) durante 2020 en Galicia, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE). Isto supón un descenso do 9,5 % respecto do ano 2019.

Con todo, no último trimestre do ano pasado rexistrouse un incremento do 11,1 % comparado con mesmo trimestre do ano anterior, incremento que chegou ao 57,1 % respecto do terceiro trimestre de 2020.

Aumento na hostalaría

No conxunto do Estado, o número de empresas foi de 4.097, un 14,4 % menos que un ano antes, e só aumentou na hostalería, onde se disparou un 35,6 %.

A Estatística de Procedemento Concursal publicada este venres polo INE revela que no último trimestre do ano, un total de 1.383 empresas declararon concurso de acredores, a cifra máis elevada desde o primeiro trimestre de 2015.

No conxunto do ano, o número de familias que se declararon en concurso de acredores baixou un 12,1 % en 2020, tras catro anos de subidas.

O número total de debedores concursados, cifra que inclúe empresas e persoas físicas con e sen actividade empresarial, foi de 6.718, un 13,6 % inferior ao rexistrado en 2019 e a cifra máis baixa desde 2017.

Por tipo de concurso, 6.447 foron voluntarios (un 12,1 % menos que en 2019), e 271 necesarios (un 38,4 % menos); atendendo á clase de procedemento, os ordinarios diminuíron un 31,7 % e os abreviados un 11,9 %.

Un 79,2 % das empresas concursadas en 2020 eran sociedades de responsabilidade limitada, e un 40,9 % estaba no tramo máis baixo de volume de negocio (ata 250.000 euros).

O 61,0 % dos debedores concursados no ano 2020 eran empresas (persoas físicas con actividade económica e persoas xurídicas).

Por sectores de actividade, a hostalería, cun 35,6 %, rexistrou a maior subida, e comercio, industria e enerxía concentraron o 32,6 % do total.

O 20,8 % do total de empresas concursadas no ano 2020 tiñan unha antigüidade de 20 ou máis anos, e o 24,1 %, catro ou menos.

Desagregados os datos por comunidades autónomas, as que rexistraron maior número de debedores concursados en 2020 foron Cataluña (2.003); Comunidade de Madrid (1.099) e Comunidade Valenciana (947), que concentraron o 60,3 % do total.

A comunidade con menor número de debedores concursados foi Navarra, con 33.