Declarado un novo incendio no campo de refuxiados de Lesbos
Un novo incendio empezou esta tarde no campo de refuxiados de Moria, en zonas onde non ardera ata o de agora, menos de 24 horas despois do outro incendio que arrasou a maior parte deste centro de migrantes. Segundo informan os medios locais, as familias que quedaron alí porque as súas carpas non se incendiaron saíron correndo para escapar das lapas, moitas con bebés en brazos.
Unha densa fumareda negra cubriu o ceo en toda a zona, onde se reforzaron as forzas policiais e os equipos de bombeiros. Aínda que a xente está a poder saír da zona inmediata de perigo, non poden dirixirse ata a capital local, Mitilene, debido ao cordón policial que bloquea todo acceso á cidade para evitar unha propagación do coronavirus.
As persoas que tiveron que fuxir uníronse aos miles de migrantes que esperan ser trasladados a carpas ou os barcos que servirán de aloxamento provisional. Espérase que nunhas horas cheguen a Lesbos os tres barcos -un transbordador comercial e dúas embarcacións da Armada- que albergarán provisionalmente a arredor dun milleiro das 3.500 persoas que quedaron sen teito.
O plan do Goberno é que o resto quede nos arredores de Moria en carpas traídas doutras illas. No incendio da pasada madrugada, que milagrosamente non deixou vítimas, quedou destruído o 80 por cento do recinto interior do campo, pero moitas zonas do oliveiral que o rodea, onde vivía a maioría dos migrantes, puideron salvarse.
O campo levaba unha semana en corentena tras a aparición dun primeiro caso de COVID-19 nun refuxiado somalí e a detección posterior de 35 persoas que entraran en contacto con el. O incendio estalou precisamente despois de que as autoridades comunicaran a estas persoas que debían ser illadas, unha circunstancia que o Goberno heleno considera unha proba de que foi intencionado.
Segundo informou esta tarde o ministro de Migración, Notis Mitarakis, ata o momento as autoridades só deron con 8 destas 35 persoas. O resto están mesturados ao parecer entre o resto da poboación que fuxiu do campo.
Mitarakis sinalou que se calcula que das preto de 13.000 persoas que se atopaban en Moria quedaron sen teito unhas 3.500, as que estaban albergadas no recinto cercado. O resto vivía espallado no oliveiral.