Controlado o incendio de Verín e activo o de Viana do Bolo, con 230 hectáreas arrasadas
Un incendio con cinco focos activos rexistrouse este xoves arredor das 20.30 horas na parroquia de Vilardemilo, en Viana do Bolo (Ourense).
Segundo informa a Consellería de Medio Rural, o lume en Vilardemilo segue activo e ten cinco focos, o que apunta a unha clara intencionalidade.
A última estimación de superficie afectada é de 210 hectáreas. Trátase do lume máis grande rexistrado no que vai de temporada.
No seu control levan traballado seis axentes, 20 brigadas, dez motobombas, dúas pas, catro helicópteros e catro avións.
É o terceiro incendio rexistrado nas últimas horas na zona de Viana do Bolo, tras os dous incendios que afectan este xoves ao municipio ourensán.
O primeiro, declarado ás 02:22 horas da madrugada do xoves na parroquia de Froxais, está controlado desde as 12:30 horas e, polo momento, calcinou 14 hectáreas.
O segundo iniciouse en Pexeiros ás 13:55 horas, e as primeiras estimacións cifran en sete as hectáreas queimadas. O lume está estabilizado desde as 15:24 horas, segundo Medio Rural.
Por outra banda, desde a tarde deste venres está controlado o incendio entre os concellos de Verín e Vilardevós, que ata onte era o máis grande no que vai de verán, tras queimar 160 hectáreas.
A autovia A-52 tivo que ser cortada por mor das lapas.