CRTVG

Buscar

Decenas de persoas achéganse á capela ardente de Roma para despedir a Raffaella Carrà

Publicado o 07/07/2021 21:36

Italia despide desde esta tarde a que consideran a súa raíña da televisión. A capela ardente que vela o corpo de Raffaella Carrá xa está aberta ao público.

Italia di “addio”; adeus, a Raffaella Carrà, que faleceu o luns aos 78 anos de idade. O cortexo fúnebre saíu ás catro da tarde desde a súa casa e percorreu algúns dos lugares clave na vida profesional da artista, coma os estudos da televisión pública italiana, onde foi recibido entre aplausos porque ela é considerada a muller que revolucionou non so a música senón tamén a televisión no seu país.

Despois os seus restos mortais foron levados ao concello de Roma e instalados na capela ardente do concello de Roma. A alcaldesa da cidade saiu acoller o cortexo e a partir das seis da tarde decenas e decenas de persoas pasaron por aquí para darlle o derradeiro adeus a Raffaella Carrà.

Deixaron ramos de flores, algúns deles entre lágrimas, os máis maiores sobre todo porque, dicíannos, a artista marcou a súa xeración. Ela foi a raíña do espectáculo en Italia e traspasou fronteiras ata chegar tamén a países como España ou Arxentina. O corpo de Raffaella Carrà permanecerá aquí ata o venres, cando será o funeral.
 

Noticias web

07/07/2021