Decenas de feridos e máis de 50 detidos na segunda noite de enfrontamentos entre manifestantes e policía
• Os partidos políticos amosan o seu apoio á policía agás Podemos
• Galicia acolleu concentracións esixindo a liberdade do rapeiro
A orde dos acontecementos foi a mesma que a noite anterior. Ás sete da tarde convocábanse concentracións por toda España, pacíficas e multitudinarias, para pedir a liberación de Pablo Hasél.
Tamén houbo unha concentración diante da prisión de Lleida na que ingresou Hasél antonte. O seu avogado asegurou que a condena do rapeiro serviu para poñer en tea de xuízo as carencias democráticas do Estado español.
En Barcelona, os disturbios máis graves producíanse no paseo de Gracia e na Gran Vía, onde se repetiron as carreiras, as barricadas, a queima de colectores, o lanzamento de pedras e sinais de tráfico e as cargas policiais.
En Madrid, o epicentro das protestas foi a Porta do Sol. Nelas vimos imaxes coma estas, mozos que arrincaban as lousas do chan para guindarllas á policía. Escenas en plena pandemia en que algúns se esqueceron das máscaras e, por suposto, da distancia social.
A noite de disturbios rematou cunha trintena de detidos, polo menos, en Cataluña e outros vinte en Madrid.
A moza de 19 anos que fora ferida nos disturbios do martes en Barcelona finalmente perdeu o ollo. Segundo o colectivo de defensa dos Dereitos Humanos Irídia, a lesión produciulla o disparo dunha bala de goma dos Mossos d'Esquadra.
Galicia sumouse ás protestas polo encarceramento de Pablo Hasél. A Coruña, Vigo, Lugo ou Ourense acolleron concentracións que esixían a posta en liberdade do rapeiro. En ningunha houbo incidentes destacables.
E reacción tamén en Unidas Podemos: Pablo Echenique mediante un chío manifesta o seu apoio aos mozos antifascistas que están, escribe en Twitter, pedindo xustiza e liberdade de expresión nas rúas.
Refírese tamén á violenta mutilación do ollo dunha manifestante, que, di, debe ser investigada e débense depurar responsabilidades con contundencia. Podemos urxe a Sánchez a aprobar o indulto canto antes.
Estas palabras de Pablo Echenique foron respondidas de inmediato por PP, Ciudadanos e Vox. O popular Pablo Casado considera "unha grave irresponsabilidade que partidos do Goberno alenten estes actos violentos, que debería ter consecuencias políticas". O presidente do PP amosa tamén o seu apoio á policía.
Inés Arrimadas, de Ciudadanos, respóndelle a Echenique que "a anormalidade democrática de España é que un señor condenado por defraudar á Seguridade Social siga sendo voceiro dun partido que, dende o goberno de España, defende delincuentes condenados e violentos que atacan a policía e estragan o mobiliario urbano".
O líder de Vox, Santiago Abascal, en referencia a estes disturbios comenta: "Violencia contra Vox. Violencia contra a policía. Acirrada polo partido do Goberno. Un Goberno contra a lei. Contra a liberdade. Contra a nación".