Decembro comeza para os autónomos coa suba das cotas á Seguridade Social
Decembro comeza para os autónomos coa suba das cotizacións da Seguridade Social, que estaba prevista para principios deste ano e que quedou suspendida pola pandemia.
Na Seguridade Social explican que a suba dos tipos de cotización do réxime especial de traballadores autónomos (RETA) se recolle nun acordo alcanzado entre o Goberno e as organizacións de autónomos en 2018.
Ese pacto establece unha maior protección para este colectivo á espera dunha reforma do RETA e fixa un progresivo aumento do tipo de cotización durante catro anos, que pasa do 30 % en 2019 ao 31 % en 2022.
O pasado outubro xa se materializou un aumento nos tipos de cotización de tres décimas, ao pasar do 0,7 % ao 0,8 % o de cesamento de actividade e do 0,9 % ao 1,1 % o de continxencias profesionais, que, sumado ao de continxencias comúns (28,3 %), deixaba o tipo de cotización no 30,3 %.
Segundo a Seguridade Social, esta suba representa para a maioría dos autónomos un incremento de 3 euros mensuais. A Federación de Autónomos ATA di, pola contra, que a cota se elevará entre 6 e 24 euros ao mes.
A medida chega nun momento crítico para este colectivo, e a ela sumarase, nuns meses, a subida correspondente a 2021, coa que o tipo de cotización por cesamento de actividade e eleva unha décima, ata o 0,9 %, e o de continxencias profesionais dúas, ata o 1,3 %, e alcanza un tipo total do 30,6 %.
Cotizar segundo os ingresos
A reforma do RETA para que os autónomos coticen en función dos seus ingresos reais está na mesa de negociación do Goberno cos axentes sociais, aínda que a opinión dos autónomos está bastante dividida, segundo ATA, que recolle no seu barómetro un 43,9 % de opinións a favor e case un 36 por cento en contra desta medida.
ATA calcula que, ao finalizar 2020, os autónomos sufrirán perdas duns 60.000 millóns de euros. Máis de 600.000 autónomos tiveron que pechar durante estes meses debido á pandemia de coronavirus e case un 10 por cento do total, uns 300.000, calcula que terá que pechar de forma definitiva.
Segundo a enquisa de ATA, un 25 por cento dos autónomos declaran que a súa facturación caeu en máis de 30.000 euros.
Os sectores máis afectados polas restricións son os de eventos, hostalaría, lecer e comercio.