CRTVG

Buscar

Sánchez afea as "mentiras" de Casado, quen lle recomenda que "empaquete o colchón"

Publicado o 20/02/2019 20:58

A precampaña electoral chegou hoxe ao Congreso dos Deputados. O presidente do Goberno escoitou os reproches da oposición pola súa xestión nestes 8 meses na Moncloa. Os líderes do PP e de Ciudadanos acusaron o presidente do Goberno de intentar venderlle a nación aos que queren destruíla. A resposta máis dura de Sánchez foi para Albert Rivera, a quen acusou de poñer a chaqueta da ultradereita.

Co día despois do 28 de abril en mente, Albert Rivera preguntáballe a Sánchez se indultará os dirixentes do procés ou se volverá negociar con Torra se revalida a presidencia.

Albert Rivera Presidente de Ciudadanos: "Vostede non contesta porque non pode contestar, porque vostede necesita eses señores de aí arriba para ser presidente, é a súa única aspiración: ser presidente cos que deron un golpe de Estado".

Pedro Sánchez, presidente do Goberno: "Vostede debe ter un armario cheo de chaquetas. O pasado domingo deixou a chaqueta do suposto liberal e puxo unha que cheira a naftalina, a da ultradereita".

Sánchez viu a Podemos en clave preelectoral, despois de que a voceira do seu principal aliado lle reprochara unha suposta orde secreta para recortar o gasto dos ministerios.

Irene Montero, voceira de Unidos Podemos no Congreso: "Impoñer estes recortes é a proba máis evidente de que vostedes non son de fiar e de que, cando cren que ninguén os ve, compórtanse como o Partido Popular do señor Montoro, exactamente igual".

O presidente do PP tamén enarborou a cuestión catalá para cargar contra Sánchez, a quen Casado acusou de facer máis dano que ninguén en menos tempo.

Pablo Casado, presidente do PP: "Ninguén fixo tanto dano a España nunca en tan pouco tempo. Vostede mesmo intentou venderlles a nación aos que queren destruíla. Empaquete o colchón porque o sacará da Moncloa dentro de dous meses, porque imos gañar as eleccións para recuperar a dignidade de España".

Pedro Sánchez, presidente do Goberno: "Vostede ten a lingua longa do insulto e as patas curtas da mentira. Non insulta e así perde a razón. Vostede insulta porque non ten nin razóns nin argumentos para facerlle oposición ao Goberno de España".

O Goberno que se someterá á vindeira sesión de control no Congreso será xa o que saia do 28 de abril.

 

Noticias web

20/02/2019