CRTVG

Buscar

De repetidor a estudante modelo

Publicado o 01/03/2021 13:44

Pablo Cabrera, estudante dun ciclo superior de FP define como era antes: "Pasota, vago, sen ganas de esforzarme. Pensaba que non era o meu, que non podía".

Recoñece que era mal estudante, pero logrou superarse e agora é un alumno modelo. Ata dá charlas sobre motivación a outros estudantes e cursa un ciclo superior no IES Universidade Laboral en Culleredo. Di que foi un profesor de taller quen lle amosou confianza e o tratou como un adulto. 

Miguel Pena, director do IES Universidade Laboral, di que"grazas á profesionalidade e á vocación do profesorado que temos nestes ciclos logramos unha reinserción no mundo do ensino de máis do 50 %". Os ciclos de formación básica están orientados a espertar habilidades que estaban agochadas neses estudantes rebeldes. 

Parece que Pablo non é o único alumno desmotivado que logrou coller confianza en si mesmo e endereitar o rumbo. El está agora nunha encrucillada coa que nin soñaba ata hai pouco. Estuda un ciclo superior e di que "non sei que facer, se dar o salto ao mundo laboral ou intentar sacar unha enxeñería e dedicarme á docencia. Ao ter feito o ciclo medio e pasar ao superior teño máis facilidade para explicarlles a outros compañeiros".


 

Noticias web

01/03/2021