CRTVG

Buscar

De festa e verbenas a partir do 1 de xullo, con máscara, distancia e rexistro de clientes

Publicado o 26/06/2020 14:25

A partir do día 1 de xullo os locais de lecer nocturno estarán obrigados a ter un sistema de rexistro das persoas que acceden ao seu interior, aínda que os clientes non estarán obrigados a facilitar os seus datos persoais.

Esta será unha das medidas de seguridade que deberán seguir os locais de lecer nocturno a partir desa data cando retomen a súa actividade, que leva paralizada desde o inicio do estado de alarma en marzo por mor da pandemia da covid-19.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o titular de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, presentaron este venres o protocolo coas medidas de seguridade e limitacións de aforo que deberán seguir os citados locais, as verbenas e as festas populares a partir do 1 de xullo.

Trátase dun protocolo gradual e reversible, no caso de que se detectasen brotes ou incumprimento das medidas, indicou Rueda, para quen "as garantías sanitarias son o primeiro que se ten que observar".

O vicepresidente avanzou que a continuación destas actividades articularase en dúas fases. A primeira durará todo o mes de xullo, e a segunda fase comezará a partir do 31 dese mesmo mes e poderá supoñer unha ampliación dos aforos pero supeditada a que a evolución epidemiolóxica e o cumprimento das medidas establecidas así o aconsellen.

O protocolo establece que tanto locais nocturnos, como verbenas ou festas populares, deberán seguir as medidas xerais de prevención ante a covid-19, como é respectar a distancia interpersoal, o uso de equipos de protección, hixiene e desinfección, ou ventilación.

No que se refire aos locais de lecer nocturno, o seu interior estará limitado a un aforo de dous terzos, isto é, por baixo do 75 por cento que está fixado actualmente para os locais de hostalería e restauración. As terrazas, que xa se atopan abertas, manterán o aforo limitado ao 80 %, e as pistas de baile estarán limitadas ao 50 % da súa ocupación.

O uso da máscara será obrigatorio dentro do local, tanto para empregados como para clientes, e haberá un sistema de rexistro para poder localizar aos clientes no hipotético caso de que se detectase un positivo. Este sistema de rexistro será obrigatorio en todos os locais, pero a cesión de datos por parte do cliente será voluntaria.

Rueda explicou que os datos estarán a disposición unicamente das autoridades sanitarias, eliminaranse transcorridos 28 días e non poderán usarse para fins comerciais. O vicepresidente apelou á responsabilidade individual dos clientes e lembrou que os datos se solicitan "no seu interese".

No caso das verbenas, a ocupación calcularase cunha persoa por cada tres metros cadrados e estableceranse aforos máximos. Así, nos espazos de ata 8.000 metros cadrados o máximo serán 1.000 persoas, e no caso de ter unha superficie superior a ocupación ampliarase a 2.000 persoas.

Para poder facer cumprir estas ocupacións, será preciso que eses recintos estean delimitados e deberán contar cun punto de entrada e de saída diferenciados.

Nestas zonas o escenario deberá estar como mínimo a catro metros de distancia do público, e tanto os compoñentes das orquestras e bandas como o público deberán levar máscaras de forma obrigatoria. Nesta medida exclúese aos vocalistas e intérpretes de instrumentos de vento, que poderán quitar a máscara durante a súa actuación.

Respecto a as atraccións de feira, a ocupación tamén será dunha persoa por cada tres metros cadrados. Neste caso, o máximo será de 700 persoas nas superficies iguais ou inferiores a 8.000 metros cadrados, e de 1.000 persoas no caso de superficies superiores.

As atraccións poderán ocuparse ata un máximo que permita manter a distancia de seguridade interpersoal e, no caso de que esta non se pode garantir, reducirase ao 50 % en cada fila. Nas atraccións que non teñan asentos, o aforo máximo será do 50 por cento, e neste caso será tamén obrigatorio o uso de máscaras.

O vicepresidente asegurou que as autoridades van ser "moi esixentes" co cumprimento dos protocolos e que estará "vixiante" para comprobar que se cumpre. Igualmente, apelou á "responsabilidade individual" das persoas á hora de cumprir medidas que redundan na saúde pública e advertiu que a Xunta "reaccionará inmediatamente se hai que facelo".

Por último, adiantou que o Goberno autonómico poñerá en marcha un plan especial de vixilancia por parte da Policía Autonómica para facer comprobación de que se cumpren as medidas sanitarias, non só nestes sectores, senón de forma xeral.

Para este plan dixo que se pedirá a colaboración da Delegación do Goberno e da Federación  Galega de Municipios e Provincias.

O titular de Sanidade da Xunta, pola súa banda, apelou a "a responsabilidade individual" para que se cumpran as medidas establecidas nos protocolos de seguridade e hixiene, e fixo un chamamento especial aos mozos.

"É moi importante lembrar aos mozos que seguimos nun estado de dificultade e non podemos botar por terra o que conseguimos entre todos", dixo o conselleiro.