CRTVG

Buscar

Galicia engade as altas domiciliarias á cifra de curados e reduce a 3.526 os casos activos

Publicado o 29/04/2020 13:36

• O número de mortes sitúase en 547, con só 7 en 24 horas

• Un total de 5.393 persoas superaron a enfermidade, segundo as novas cifras

 

Galicia engade as altas domiciliarias á cifra de curados e reduce a 3.526 os casos activos

A información oficial do Sergas sobre a pandemia de coronavirus en Galicia modificouse hoxe drasticamente ao deixar de incluír na cifra de pacientes activos as altas domiciliarias. Deste xeito, o número de casos activos en Galicia redúcese drasticamente, case á metade, e pasa dos 6.947 casos de onte aos 3.526 que se contabilizan hoxe. Ademais, o número de curados increméntase ata as 5.393 persoas (cando onte só se contabilizaban as altas hospitalarias de 1.841).

O xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, xustifica os cambios "para adaptarnos ás modificacións que planteadas polo Ministerio de Sanidade". Deste xeito, á cifra de altas hospitalarias que se facilitaba ata agora súmase o dato de pacientes que non estaban hospitalizados e que se consideran curados, pero que a Xunta incluía, ata agora, na relación de contaxiados.

Deste xeito, é imposible coñecer cantos contaxios novos se deron nas últimas 24 horas en Galicia.

Nas últimas 24 horas houbo sete falecementos, que sitúan a cifra total acumulada en 547 mortes. 

A Xunta facilítalle desde hoxe ao Ministerio de Sanidade os datos acumulados de casos rexistrados en Galicia desde o principio da pandemia. Neles, consta que 2.736 persoas precisaron ata o de agora ser hospitalizadas nalgún dos centros sanitarios galegos e outras 308 pasaron pola UCI.

A distribución por áreas sanitarias, que tampouco se pode comparar coa facilitada onte, é a seguinte:

• A Coruña: 888 casos.

• Vigo: 808 casos.

• Ourense: 715 casos.

• Santiago: 505 casos.

• Lugo: 244 casos.

• Pontevedra: 215 casos.

• Ferrol: 159 casos.

Do total de pacientes positivos, 73 permanecen en UCI, a mesma cifra ca onte, 482 están en unidades de hospitalización 13 menos) e 2.971 no domicilio. Neste último dato é onde se produce a redución drástica de pacientes, que pasan a engrosar o dato de curados: 5.393 persoas.

Nas residencias non houbo ningún falecemento nas últimas 24 horas. Si houbo dous mortes de anciáns residentes en xeriátricos que estaban hospitalizados. Dos 547 falecidos, 249 son usuarios de residencias.