CRTVG

Buscar

Pese aos bos datos do inicio, marzo pecha coa maior suba do desemprego na historia

Publicado o 03/04/2020 00:03

• Os parados son 302.265 máis, ata os 3,54 millóns, e a Seguridade Social perde 834.000 afiliados

• O paro en Galicia sobe en 8.252 persoas

O fondo proposto pola UE tenta salvar a caída do emprego

O Servizo Público de Emprego Estatal sumou, ao peche de marzo, 302.265 novos demandantes de emprego, a maior suba da historia, que sitúa o número total de parados en 3,54 millóns de persoas.

A Seguridade Social perdeu 833.979 afiliados ao peche do mes polo impacto da COVID-19, o cal supón tamén a maior caída da historia e deixa o número de cotizantes en 18,4 millóns, segundo os datos facilitados polo Goberno.

Este é o dato a peche de mes; a media mensual, que é a que se facilita habitualmete, deixa o descenso en 243.469 afiliados, unha cifra que, segundo explica o Executivo, non reflicte con rigor o ocorrido no conxunto do mes, que comezou a notar o impacto da pandemia do coronavirus a partir do día 12.

Dúas realidades no mesmo mes

Todos os datos reflicten dúas realidades radicalmente distintas do mes: a primeira metade cunha evolución máis habitual para marzo, que adoita ser bo para o emprego, e a segunda, co impacto do parón da economía que supuxo a pandemia do coronavirus.

Así, na afiliación o Ministerio de Inclusión e Seguridade Social explica que no primeiros 11 días do mes, cando o emprego aínda evolucionaba con normalidade, a ocupación aumentou en 64.843, mentres que entre os días 12 ao 31 de marzo, caeu en 898.822.

A maior caída durante marzo experimentouna o réxime xeral, con 855.081 empregos menos, seguido polo de autónomos, que perdeu 40.877. 

Construción e hostalaría

Por actividades, os maiores descensos desde que comezou a crise do coronavirus experimentáronse na construción (17,08 %), hostalaría (14,27 %), actividades administrativas e servizos auxiliares (8,91 %), educación (5,24 %) e transporte e almacenamento (4,76 %); mentres que destaca o incremento nas actividades sanitarias, con 7.085 afiliados máis.

Por tipo de contrato, destaca o descenso da ocupación temporal (17,30 % menos) respecto a a indefinida (01,92 % menos).

O Ministerio detalla que os datos de afiliados seguen incluíndo os traballadores afectados por un expediente de regulación temporal de emprego ( ERTE) polo COVID-19, un total de 258.645 persoas, dado que seguen cotizando á Seguridade Social.

Por comunidades autónomas, os maiores descensos rexistráronse en Andalucía (6,64 %) Canarias (6,24 %), Murcia (5,07 %) e a Comunidade Valenciana (5,75 %).

No paro, segundo os datos facilitados polo Ministerio de Traballo, ocorre o mesmo: os primeiros 12 días do mes o número de desempregados rexistrados incrementouse só en 2.857 persoas para terminar o mes con esa subida mensual histórica de 302.265 novos demandantes.

O maior incremento nun mes do paro ata o de agora estaba en xaneiro de 2009 con 198.838 desempregados máis. 

Por sectores, a agricultura sumou 6.520 desempregados máis, 25.194 máis en industria mentres que en construción aumentou en 59.551 desempregados.

Servizos, o sector máis prexudicado

O maior alza foi para o sector servizos con 206.016 parados máis.

Por rexións, o paro rexistrado sobe nas 17 comunidades autónomas con Andalucía (138.569), Comunidade Valenciana (35.565) e Cataluña (21.833) á cabeza das subidas de desempregados rexistrados nos servizos de emprego.

En canto aos contratos asinados en marzo caeron un 26,5 por cento fronte ao mesmo mes do ano pasado, con 1,25 millóns. 

O paro en Galicia sobe en 8.200 persoas

O paro subiu en todas as comunidades. En Galicia, en máis de 8.200 persoas. É un incremento dun cinco por cento, catro puntos por baixo da media española, que deixa o total de parados preto dos 175.000.

Ante o impacto da situación, a banca adiantou a mañá o pago da prestación por desemprego, seis días antes do habitual. Este mes o desembolso supera os 1.200 millóns.

A CEOE pide flexibilizar os ERTE

Coñecidas estas cifras, os empresarios reclámanlle ao Goberno novas medidas para facilitar a recuperación do emprego unha vez superado o impacto da pandemia. A CEOE pide flexibilizar o uso dos expedientes de regulación temporal de emprego. Reclama ademais que estes instrumentos sigan vixentes máis aló do estado de alarma para evitar danos maiores en sectores como o turismo ou a industria.

Os sindicatos critican os empresarios por non usar os ERTE

Os sindicatos din que as cifras son demoledoras, pero advirten que poderían ter sido moito peor sen as medidas aprobadas polo Goberno ao comezo da crise. Así o asegura Lola Santillana, secretaria de Emprego de CCOO: "este dato puido ser aínda peor se o Goberno non oíse os sindicatos, a CCOO, pedindo medidas con carácter de urxencia para que non se producisen máis despedimentos" Desde UXT, a súa secretaria de emprego, Mari Carmen Barrera, lamenta que "moitos empresarios optaron por axustar cadro de persoal da maneira máis lesiva en lugar de utilizar os expedientes de regulación temporal de emprego"