CRTVG

Buscar

Darias non contempla, polo momento, retirar a máscara en espazos interiores

Publicado o 08/10/2021 16:19

O Ministerio de Sanidade ten previsto seguir obrigando a usar a máscara en interiores. A ministra de Sanidade, Carolina Darias, asegurou esta mañá que o cubrebocas é aínda necesario para frear a expansión do coronavirus.

De todas as medidas fronte á covid, a do uso da máscara será, probablemente, a que máis tarde en retirarse. Sanidade descarta suprimilas de momento en interiores. Estiman que haberá que levalas ata a primavera do ano que vén.

Carolina Darias, ministra de Sanidade afirmou que "no interior seguen sendo necesarias. Estamos ante a campaña de outono, non sabemos como van vir a gripe e outros virus que están aí.... Temos que ir pouco a pouco, pero con paso firme. As máscaras teñen un papel fundamental no control da pandemia".

Canda elas, resalta a ministra o papel da vacinación. E asegura que con case o 90% da poboación inmunizada, España está preparada xa para vacinar os nenos de 5 a 12 anos. "estamos pendentes de que as farmacéuticas presenten os seus ensaios e a EMA dea a autorización. Cando sexa así, nós estamos preparados para empezar a inoculala", asegurou Darias

Darias estima que antes de que acabe o ano, podería empezar a vacinación pediátrica en España.

Noticias web

08/10/2021