CRTVG

Buscar

Darias lembra que non se elixe vacina e salienta as altas cifras de inmunización

Publicado o 28/05/2021 15:00

A ministra de Sanidade, Carolina Darias, lembrou este venres non se pode elixir vacina porque son as autoridades sanitarias as que toman esa decisión. Ademais, salientou as "altísimas" cifras de persoas inmunizadas en España, onde un 15 por cento da poboación recibiu a pauta completa.

Tras asistir á presentación do seu retrato institucional no Parlamento de Canarias, que presidiu na pasada lexislatura, considerou que nunha campaña tan masiva coma esta danse "diversas situacións", facendo referencia ao feito de que a cidadanía menor de 60 anos optara maioritariamente por repetir con AstraZeneca.

Neste sentido, subliñou que a Ministerio adoptou a decisión de poñer a segunda dose con Pfizer pola experiencia doutros países como Francia, onde "directamente" se fixo así, Alemaña, Suecia ou Finlandia. Ademais, subliñou, tomáronse en conta os resultados do ensaio clínico do Instituto Carlos III, no que participaron cinco hospitais españois.

Por esta razón, insistiu en que as persoas que rexeitan poñer a segunda dose con Pfizer deben asinar un consentimento informado dos posibles riscos, "infrecuentes pero posibles", da fórmula de AstraZeneca.

Carolina Darias asegurou, así mesmo, que a campaña de vacinación vai "coma un tiro", en especial entre as persoas de máis de 60 anos, cun 93 por cento de cobertura.

"A próxima semana chegarán 4,6 millóns de vacinas, un novo récord. Camiñamos cara a un novo fito: ter vacinadas 10 millóns de persoas coa pauta completa na primeira semana de xuño", dixo a ministra de Sanidade, Carolina Darias. 

Noticias web

28/05/2021