CRTVG

Buscar

Policías, militares e docentes, os seguintes en ser vacinados con AstraZeneca

Publicado o 09/02/2021 19:51

• Priorizan traballadores esencias, como bombeiros ou farmacéuticos

• Darias advirte de que a estratexia de vacinación é única

A Comisión de Saúde Pública definiu este martes novos grupos con prioridade para a vacina de AstraZeneca e a Universidade de Oxford, e, neste marco, incluirá os traballadores de servizos esenciais como membros das Forzas Armadas, funcionarios de Prisións, membros de Corpos de Seguridade, Bombeiros ou profesores.

Na reunión deste martes con presenza do Ministerio de Sanidade e as Comunidades Autónomas, seguiuse avanzando na Estratexia de Vacinación e definíronse novos colectivos para vacinar con AstraZeneca que inclúen persoas en activo de ata 55 anos de idade, segundo informou o Ministerio de Sanidade.

Así, estableceuse un novo subgrupo dentro do persoal sanitario e sociosanitario que considera os colectivos en función do risco de exposición da actividade laboral. Así, dentro do Grupo 3, establécese un subgrupo 3 B que, entre outros, inclúe fisioterapeutas, terapeutas ocupacionais, persoal de oficinas de farmacia, medicina legal, servizos de axuda a domicilio, centros de menores e centros de día. Tamén se inclúe os traballadores de Institucións Penais.

Así mesmo, definiuse o Grupo 6 de colectivos cunha función esencial para a sociedade e nel inclúense as Forzas e Corpos de Seguridade (Policía Nacional, Garda Civil, policías autonómicas e policías locais), outro persoal de emerxencias como os bombeiros e membros das Forzas Armadas. Neste grupo tamén se inclúe docentes e persoal de educación infantil e necesidades educativas especiais e docentes de primaria e secundaria.

Darias advirte de que a estraxia de vacinación é única para toda España

O Goberno confirma que esta mesma semana chegarán 100.000 doses máis a España que serán enviadas ás comunidades. Con todo, Sanidade advírtelles ás autonomías que non poden actuar por libre e que deberán respectar a orde de vacinación que decida a Comisión de Saúde Pública.

Sanidade lembra que a estratexia de vacinación é única para toda España e que calquera cambio que se faga nos calendarios ou nos grupos que deben recibir a vacina é vinculante. A Comisión de Saúde Pública é a que terá a última palabra sobre quen son os seguintes que se vacinarán.

"Volvo insistir en que a estratexia de vacinación é unha estratexia única, que foi acordada polas comunidades e o ministerio no marco da Comisión de Saúde Pública e que por tanto os grupos que alí se establezan, e na orde en que alí se establezan, son os que deben seguir todas as comunidades autónomas", advertiu Carolina Darias, ministra de Sanidade.

A ministra asegurou que España está por riba da media europea en vacinación e que máis de 800.000 persoas xa recibiron as dúas doses. O obxectivo é conseguir que para o verán o 70 % da poboación estea inmunizada. "A vacina xa está aquí, así que só queda vacinar, vacinar e vacinar para inmunizar canto antes todos os españois", anunciou Darias. 

Sanidade analiza con preocupación a evolución da cepa británica do virus, a que máis está medrando en España. O Goberno decidiu prorrogar ata o dous de marzo as restricións aos voos procedentes do Reino Unido e tamén aos do Brasil e de Suráfrica, aínda que as variantes deses países teñen menos prevalencia en España.

 

Noticias web

09/02/2021