CRTVG

Buscar

Dani de la Torre presenta 'Live is life' no Festival de Málaga

Publicado o 07/06/2021 16:02

Galicia está a ser protagonista no festival de cine de Málaga. Por unha banda, coa presentación na sección oficial do filme de Dani de la Torre 'Live is life', participado pola Televisión de Galicia. Pola outra, coa concesión do premio Malaga Talent a Oliver Laxe.

A nova película de Dani de la Torre fala da amizade como aventura. Un tránsito que o director monfortino sitúa nos anos 80 na Ribeira Sacra, nun daqueles veráns en que case todo estaba permitido.

'Live is life' respira nostalxia. O filme recolle pinceladas autobiográficas a ritmo de road movie en bicicleta coa inevitable mirada ao colectivo.

Ademais, o festival outorgou o premio Málaga Talent ao realizador Oliver Laxe. Non é habitual que o certame recoñeza de xeito tan expreso un cine chegado da periferia.

Pero a presenza do audiovisual galego en Málaga non remata aquí. Tamén son protagonistas as curtas: 'Augas abisais', de Xacio Baño, 'Homeless home', de Alberto Vázquez, ou 'A comuñón da miña prima Andrea', de Brandán Cerviño.

Noticias web

07/06/2021