CRTVG

Buscar

Dan positivo 49 persoas do voo que chegou a Santiago este martes dende Mallorca

Publicado o 30/06/2021 12:51

• En Galicia hai 155 casos positivos vinculados ao gromo das Baleares

 

Un total de 49 persoas que chegaron este martes a Santiago de Mallorca deron positivo por covid-19 tras facer unha PCR no aeroporto de Rosalía de Castro. Segundo a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, 33 destes contaxios vincúlanse de xeito directo co gromo balear e outros 16 están en estudo para determinar a súa relación co abrocho.

Nese voo viaxaba un grupo de estudantes que fora ás illas nunha excursión de fin de curso. Ao chegar á terminal, 86 persoas sometéronse ás probas e rexistrouse unha positividade do 57 por cento. Toda a pasaxe está considerada contacto estreito.

A directora xeral asegurou que xa están a realizar as enquisas pertinentes para diagnosticar estas persoas e poñelas en corentena canto antes. Carmen Durán explicou que se estableceron medidas extraordinarias, tendo en conta a dimensión do abrocho.

Protocolo 

Ademais de illar as persoas positivas e os contactos estreitos, vanse repetir ás 72 horas todas as PCR negativas. Ademais, no caso de volver dar negativo, se algún membro do grupo burbulla ao que pertence deu positivo, deberá facer dez días de corentena igualmente.

Nestes momentos, con datos actualizados este mércores polo Sergas, en Galicia hai 155 casos vencellados co gromo de Mallorca e preto de 550 contactos relacionados.

Situación "preocupante"

En declaracións á TVG en Madrid, o conselleiro de Sanidade dixo que "os resultados a priori son malos" porque hai unha "porcentaxe moi ampla de positivos nese mesmo voo" polo que a situación é preocupante.

Julio García Comesaña especificou que non soamente o número de positivos do estudantado é "moi alto", senón "tamén o das persoas que viñan na viaxe, que voluntariamente fixeron a proba".

11.000 persoas convocadas esta semana aos cribados masivos.

Para atallar o macrogromo vanse intensificar os cribados. Convocaron 11.000 persoas, boa parte delas adolescentes, esta semana. Fan un chamamento a participar. Os últimos casos detectados do macrogromo eran estudantes de Pontevedra e da Coruña. Estudan o caso de 4 rapaces de Lugo. Deron positivo ao volver de excursión a Gandía, pero antes desa viaxe fixeran outra a Mallorca.