CRTVG

Buscar

Dan por estabilizado en Lugo o gromo de covid entre xente nova

Publicado o 16/04/2021 12:19
Dan por estabilizado en Lugo o gromo de covid entre xente nova

O xerente da área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, deu este venres por estabilizado o gromo de covid-19 que afecta sobre todo xente nova da capital lucense, duns vinte anos, detectado a principios de semana.

En declaracións a EFE, Ares precisou que se diagnosticaron ata o momento arredor dunha vintena de casos mediante probas PCR e o persoal do Sergas segue rastrexando os contactos deses positivos para cortar canto antes as cadeas de contaxio.

Na súa opinión, o gromo está estabilizado porque as probas realizadas ata o momento aos contactos máis estreitos deron todas resultados negativos. Aínda así, precisou que seguirán observando de preto nos próximos días a evolución deste gromo para garantir que non hai máis transmisión.

Situación epidemiolóxica

En canto á situación da pandemia na cidade, recoñeceu que existe, efectivamente, un lixeiro aumento no número de contaxios, pero trátase dunha "tendencia pequena", e que a presión asistencial tamén se mantén estable.

A día de hoxe hai 173 casos activos de coronavirus na provincia de Lugo, dado que se detectaron nas últimas 24 horas dez novos positivos mediante probas PCR. Respecto á presión asistencial, oito persoas permanecen ingresadas en planta e tres na UCI.