CRTVG

Buscar

Danlles a alta aos mariñeiros rescatados en Muros

Publicado o 26/03/2021 14:01

Xa están na casa os dous mariñeiros que naufragaron onte pola tarde entre Muros e Carnota. Pero aínda non se repuxeron do susto. O que estaba peor porque tragara moita auga tivo que pasar a noite no hospital da Coruña e esta mañá déronlles a alta. O outro, o patrón e armador do Madre Antonia, volveu á casa contra as doce da noite. 

Daniel Formoso, patrón maior de Muros: "Está nervioso. Acabo de falar con el, é normal que estea así. Pero dentro do malo creo que podemos dar as grazas. Foi un susto moi malo. Creo que estiveron na auga uns 45 minutos, que non foi demasiado tempo, pero co fría que está a auga sería un problema senón os colleran tan rápido".

O pesqueiro, duns nove metros e construído en madeira, afundiu a uns dez quilómetros da costa, seguramente debido a un golpe de mar. Foi contra as catro da tarde, cando estaban rematando a xornada, á altura do faro de Lariño. Os mariñeiros levaban case unha hora agarrados a unha boia cando os rescataron desde o helicóptero de Salvamento Marítimo.

Antes pasara outra embarcación que non os viu e mesmo o helicóptero localizounos á segunda pasada. Daniel Formoso, patrón maior de Muros: "Ao mellor levántase un pouco de vento do noroeste e un pouco de ondada. Non fai falta que sexa moito. Pero se colle os barcos atravesados cando están recollendo os aparellos.Estaban ás betas, collendo cabala. E non é o mesmo ir en ruta, cando colle o vento por proa ou popa que cando colle o barco atravesado".

O patrón maior agradece a boa disposición de todos os que participaron no rescate, tanto dos profesionais de Salvamento como dos que se preocuparon polos mariñeiros.

Noticias web

26/03/2021