Curro Torres afronta unha reválida ante o Raio Vallecano
Segundo partido para o Lugo de Curro Torres. A estrea non puido ser peor, 0-4 na casa ante o Almería. A seguinte proba tamén é esixente, o Raio en Vallecas.
"Se nalgún momento temos algún contratempo como tivemos a fin de semana pasada non podemos baixar os brazos, imos seguir traballando na maneira, na concentración e no que eu quero dos meus futbolistas. O que non estea preparado para iso non pode competir", anuncia o técnico do Lugo
O Lugo competirá contra un Raio que leva 6 partidos sen perder. Curro Torres manexa varias opcións sobre para afrontar o encontro pero non quere dar pistas: "Podemos esperar e ser intensos atrás para saírmos en transición ou podemos ir por eles, valentes, tentar ir polo partido, quitarlles o balón, que eles tamén o queren. Hai moitas maneiras de poder afrontalo. Mañá veremos de que somos capaces, eu teño moi claro como quero o partido".
A convocatoria para Vallecas deixa unha gran noticia. Por primeira vez, viaxa co equipo Hugo Rama, 7 meses despois de romper o ligamento cruzado. Tamén volve o gardameta Varo. Pola contra, Torres deixou fóra a Tete Morente e a Lebedenko por decisión técnica.