CRTVG

Buscar

Negocios de alimentación ou salóns de peiteado poden adiar o pagamento das cotizacións sociais

Publicado o 28/04/2020 15:51
Negocios de alimentación ou salóns de peiteado poden adiar o pagamento das cotizacións sociais

O Boletín Oficial do Estado publica hoxe a orde do Goberno que detalla os 12 sectores económicos que poderán suspender, durante seis meses e sen xuros, o pagamento das cotizacións sociais de maio, xuño e xullo.

Panaderías, pastelerías e outras tendas de alimentación, bebidas e tabaco, actividades odontolóxicas, salóns de peiteado e empresas de tratamentos de beleza, carpinterías, fontanerías e empresas de instalación de calefacción, cultivos, impresión e artes gráficas e axencias de publicidade son as actividades que poderán solicitar esta moratoria.

Así, desde que concedido este adiamento, os pagamentos que deberían realizar en maio ingresaranse en novembro, e así sucesivamente co resto de mensualidades.

As empresas deben solicitar a moratoria entre o 1 e 10 do mes en que terían que afrontar o pagamento á Tesourería Xeral da Seguridade Social a través do sistema REDE. No caso dos traballadores autónomos que non teñan autorizado REDE, poderán utilizar o servizo da sede electrónica da Seguridade Social.

Para o resto de empresas e autónomos cuxa actividade non se atope entre as indicadas, o Goberno lembra que poden solicitar un aprazamento das cotizacións sociais cun tipo de interese do 0,5 %, sete veces inferior ao habitual para os pagamentos que debían realizar nos meses de abril, maio e xuño.

Estas iniciativas forman parte do paquete de medidas que puxo en marcha o Goberno ante a pandemia de COVID-19.