CRTVG

Buscar

Cuarta vitoria consecutiva do Liceo nun partido con moitas alternativas (4-3)

Publicado o 16/10/2021 19:22

O Liceo e o Reus non defraudaron en Riazor. Un dos partidos clásicos do hockey sobre patíns que tivo emoción ata o final con triunfo axustado para os coruñeses por 4-3.

As alternativas no marcador foron constantes ao longo de todo o encontro. Golpeou primeiro o Liceo, grazas a un penalti transformado por Álex Rodríguez no minuto catro.

Este gol foi o único a bola parada do choque. O Reus reaccionou ben e remontou con dous goles nun minuto mediado o primeiro tempo. Empatou o chileno Diego Rojas e colocou por diante ao seu equipo o italiano Francesco Compagno.

O Liceo, moi cargado de faltas, tiña dificultades para impoñer o seu xogo. Pero logrou aproveitar un contraataque para igualar a dous. Jordi Burgaya foi o autor do tanto a once minutos do tempo de lecer.

Outro contraataque, desta volta en sentido contrario, volveu darlle vantaxe aos cataláns pouco antes do descanso.

O 2-3, anotado por Ferrán Giménez, deixaba todo aberto para un emocionante segundo tempo, no que o Deportivo Liceo foi intensificando a súa ofensiva ata que logrou remontar nos últimos oito minutos do partido. Marc Grau marcou os dous goles que lle valeron aos de Juan Copa para asinar a súa cuarta vitoria consecutiva.

O equipo liceísta suma 16 puntos dos 18 posibles xa disputados nesta OK Liga

Noticias web

16/10/2021