Cualedro incorpórase ao nivel máximo de restricións a partir do luns
• O Sergas cita 25.000 galegos para facerlles unha PCR esta fin de semana
O subcomité clínico que asesora a Xunta na xestión da pandemia provocada pola covid-19 acaba de acordar a incorporación do concello de Cualedro ao nivel máximo de restricións (1), onde continúan A Pobra do Caramiñal, O Grove e Carballeda de Valdeorras.
Así mesmo, o grupo de expertos tamén determinou incorporar ao nivel alto de restricións (2) os municipios de Lobeira e Cambre. Neste chanzo permanecen tamén os de Cortegada, O Barco de Valdeorras, Padrenda, Rubiá, Barreiros, Boimorto e Boiro.
Ademais, as medidas do nivel medio (3) rexerán nos termos municipais do Irixo, A Pobra do Brollón, Meira, Trabada, Ribeira, Carral, Muxía, As Pontes, Ortigueira, Cambados, Catoira, Cangas, Marín, Meis, Gondomar, Vilanova, Vilaboa, Soutomaior, Sanxenxo, Ribadumia, Meaño, As Neves, A Illa de Arousa e Vilagarcía.
No resto dos concellos galegos estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio-baixo (4).
Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do vindeiro luns, 19 de abril.
Cribados poboacionais
Segundo informa nun comunicado, a Xunta continúa a adoptar medidas para facer fronte a expansión do coronavirus na comunidade. Na vindeira fin de semana, máis de 25.000 persoas están chamadas a participar nos cribados que procuran identificar novos casos asintomáticos entre a poboación.
Xunto ao cribado na cidade da Coruña, que botou a andar o luns pasado para 10.000 persoas, a Dirección Xeral de Saúde Pública convocará nos vindeiros días outras 3.000, de entre 40 e 59 anos, no concello de Cambre.
Ademais, vai citar 900 veciños e veciñas do municipio de Rois, con idades comprendidas entre os 40 e os 54 anos, para realizaren un test de antíxenos.
De acordo cos últimos datos epidemiolóxicos, Sanidade acordou convocar tamén preto de 3.600 persoas, de entre 18 e 74 anos, censadas no Barco de Valdeorras, Cualedro e Rubiá. Do mesmo xeito, vai chamar 3.100 do municipio pontevedrés de Vilanova de Arousa.
No que atinxe a área sanitaria de Vigo, Saúde Pública definiu a realización de probas PCR esta fin de semana ao grupo de poboación de 16 a 35 anos, unhas 4.000 persoas.
Por outra banda, na xornada deste sábado, citaranse 400 persoas no concello de Meira e outras tantas no municipio de Ortigueira.
Gromo na Mariña
Pero nestes momentos unha das zonas que máis preocupan é A Mariña. Un gromo que comezou en Barreiros suma xa 43 afectados en nove concellos da comarca.
"Esténdese por toda A Mariña. Non é como noutros sitios que se localizan en determinados concellos. Aquí non, aquí é un gromo que se vai estendendo por toda A Mariña, empezou na Mariña occidental e agora xa o temos na Mariña central e xa está afectando xente de Burela", explicounos a xefa territorial da Consellería de Sanidade en Lugo, Begoña Seco.