CRTVG

Buscar

Cs racha co PP en Murcia ao presentar unha moción de censura co PSOE

Publicado o 10/03/2021 09:46

O PSOE e Cs na Rexión de Murcia, que cos seus 23 deputados suman maioría absoluta no Parlamento autonómico, presentaron este mércores unha moción de censura contra o Goberno de coalición do PP co partido laranxa, cuxa coordinadora na comunidade, Ana Martínez Vidal, será a nova presidenta murciana.

No pacto, que apoia Podemos, entra tamén o goberno municipal de coalición PP- Cs de Murcia capital, onde o alcalde sería o socialista José Antonio Serrano.

O presidente murciano, Fernando López Miras, destituíu a dous dos catro conselleiros de Cs do seu gabinete, Martínez Vidal e Gabriel Sánchez Torregrosa, ambos da executiva autonómica laranxa, e dixo que a pesar de que onte á noite soubo que se preparaba esta ruptura, que tachou de "atraco", non convocou eleccións anticipadas "pensando nos murcianos".

Descartaba así un adianto electoral que a moción si provocou en Madrid, ante o temor de Isabel Díaz Ayuso de que se puidese reeditar na súa comunidade. "Non é o momento" para "pensar en política, partidos nin cadeiras", porque Murcia "atravesa a peor crise económica, social, sanitaria e laboral da súa historia por mor da pandemia do coronavirus", engadiu quen negociaba co seu socio de Goberno os orzamentos de 2021 e a reforma da Lei do Presidente para que puidese volver presentarse ás eleccións en 2023.

Entre os motivos que levaron a Cs a sumarse á moción de censura, Martínez Vidal explicou que só atoparon no Executivo co PP "trabas, escusas e obstáculos, e así é imposible gobernar". "Non podemos seguir sendo cómplices deste descontrol na vacinación, de escándalos diarios, dunha pésima imaxe da nosa rexión que transcende ao nivel nacional, e a confianza que Cs foi gañando centímetro a centímetro, co PP na rexión, foi perdendo metro a metro", afirmou sobre o partido hexemónico no Goberno de Murcia desde 1995.

O secretario xeral do PSOE murciano, Diego Conesa, que gañou as eleccións pero non puido formar Goberno tras conversas con Cs, non revelou a composición do futuro Goberno nin se será vicepresidente, pero falou dun "momento histórico" para lograr unha rexión "máis xusta, solidaria e igualitaria" sobre a que hai 22 meses se pronunciaron nas urnas os murcianos. "Votaron polo cambio, a rexeneración e a estabilidade e hoxe o momento do cambio chegou", remachou tras referirse a que o PP "deixa unha pegada demasiado profunda nos modos de exercer o goberno e en redes clientelares que non quixo cambiar". 

O líder nacional do PP, Pablo Casado, expresou en Twitter o seu apoio a López Miras e chamado a unir á dereita nas súas siglas despois de que desde a súa dirección acusasen á presidenta de Cs, Inés Arrimadas, de "irresponsabilidade". "Levamos meses tentando que o PP da Rexión de Murcia cumpra o acordo para combater a corrupción e o escándalo das vacinacións irregulares. Foi imposible. Abriremos unha nova etapa de rexeneración liderada polas políticas de Ciudadanos", escribiu a líder nacional laranxa nesa rede social da internet.