CRTVG

Buscar

Escrivá defende no Congreso a reforma das pensións e o atraso na xubilación

Publicado o 07/07/2021 15:28

O ministro de Seguridade Social explicou no Congreso a proposta do Goberno para reformar o sistema de pensións, unha proposta que non convence nin a oposición, nin os partidos que o apoian nin tampouco unha das patas da coalición, a Podemos.

José Luis Escrivá defendeu que o sistema público de pensións é sólido a día de hoxe, pero augura problemas a partir do 2025, cando empece a xubilarse a xeración do baby boom. E para compensar o aumento do gasto, o ministro propón dúas alternativas: que se pague con impostos, "que os pagan todos", ou con "mecanismos máis selectivos".

Ese mecanismo podería ser o que xa adiantou días atrás, que esa xeración cobre menos ou traballe máis, unha proposta que non convence a oposición. Para a voceira do PP,  Cuca Gamarra, "o que se agocha é o recorte".

O Goberno tamén quere os traballadores atrasen a súa xubilación, unha proposta que non comparte un dos socios da coalición. De feito, Unidas Podemos apunta na dirección contraria, en baixar a idade de xubilación. Para a súa deputada Aina Vidal "é insostible un país onde os avós traballen e os mozos estean no paro".

O proposta do Goberno tampouco convence os partidos que o apoian no Parlamento. O PNV reclama a transferencia de competencias nesta materia. "Ou aclaramos estas cousas antes do Presuposto, ou debe ser consciente que, en caso contrario, o seu Goberno pode ter problemas con el", ameazaba o seu deputado Iñigo Barandiaran.

A proposta de reforma das pensións empezará a tramitarse nas Cortes no mes de setembro.

 

Noticias web

07/07/2021