Críticas ao Goberno polo uso da coroa e pola xestión da pandemia
O Partido Popular preguntoulle ao ministro de Sanidade por que pon en dúbida a baixada de contaxios na Comunidade de Madrid. Acusouno de usar a crise para tapar o problema territorial e outras novas incómodas para o executivo.
Ana Camins, do PP, díxolle que "o seu problema non é a señora Ayuso. O seu problema é este: explicarlles a todos os españois que Seguridade Nacional os advertiu en 11 ocasións entre xaneiro e marzo, a última o 7 de marzo, e que vostedes ocultaron estas alarmas".
Salvador Illa, ministro de Sanidade, respondeulle: "Que ben nos iría se a vehemencia que empregan nas intervencións a puxesen en combater o virus. Non se confunda. Eu non son o seu adversario, o seu adversario é o virus".
En ausencia do presidente e de 3 dos vicepresidentes, foi o ministro de Xustiza quen encaixou a maioría das críticas na sesión de control. Ciudadanos e PP volveron reprocharlle que non deixase o rei ir a Cataluña. Os nacionalistas criticaban xustamente o contrario, 3 días antes de que Filipe VI volva a Barcelona.
María Teresa Rivero, de Junts Per Catalunya, díxo que "en Cataluña non nos gusta o rei de España. Abdicou dos cataláns ese 3 de outubro e pasou a formar parte do conflito e non da solución. E non entendemos como o seu Goberno PSOE-Podemos o quere branquear cunha visita organizada a Barcelona".
Juan Carlos Campo, ministro de Xustiza, reprochoulle: "Utiliza vostede os mesmos xogos dialécticos que pode facer Vox. Deixe de embarrar. O gran problema de España chámase covid-19, vencelo e superar a crise social e en que nos meteu".
Campo tamén defendeu a presenza de Podemos no executivo pese á súa imputación alegando presunción de inocencia.