CRTVG

Buscar

Críticas ao Goberno polo apoio de Bildu aos presupostos xerais

Publicado o 13/11/2020 19:56

Pedro Sánchez visita hoxe Navarra, onde a súa presidenta, a socialista María Chivite, tamén negocia as contas autonómicas con Bildu. O líder do executivo foi recibido con apupos de cidadáns e evitou responder as preguntas dos xornalistas sobre o seu pacto cos de Otegui e sobre as declaracións dun dos seus deputados, de Arkaitz Rodríguez, quen asegura que Bildu vai a Madrid "a tombar definitivamente ese réxime en beneficio das maiorías e dos pobos".

No seu discurso, o presidente celebrou que os Presupostos Xerais sigan o seu curso sen concretar as súas alianzas. Para Pedro Sánchez, "entre avanzar ou quedarmos como estabamos, o Congreso dos Deputados dá un paso e decide avanzar. E con iso, España di adeus, por fin, ao pasado".

Pero ese paso non contenta a todos os baróns do partido. Especialmete crítico estivo hoxe o presidente de Castela-A Mancha.

Emiliano García-Page lamenta que o PSOE non actúe movido polas súas convicións senon polo tacticismo para sacar adiante os presupostos.

Discrepa tanto do apoio de Bildu como do influxo de Podemos no executivo: "Podemos márcanos a axenda e estanos arrastrando a unha esquina do taboleiro político moi lonxe do sitio habitual das grandes maiorías do PSOE. O de Bildu non ten un pase. É simplemente comungar con rodas de muíño ao que nos obriga Pablo Iglesias".

Sánchez non quixo valorar o apoio dos abertzales a uns orzamentos que deixarán atrás dous anos coas contas bloqueadas: "entre avanzar ou quedar como estamos, o Congreso dá un paso adiante e decide avanzar. E así España dille adeus por fin ao pasado e ábrelle a porta a un futuro de estabilidade e progreso".

O presidente foi recibido na sede do Goberno de Navarra entre apupos e algún cualificativo de traidor.

Dende o PP pídenlle a Sánchez que rectifique e que escoite os seus líderes territoriais. Pablo Casado cre que "cada vez está máis influído por Podemos. Podemos está comendo o Partido Socialista, é quen manda no Goberno".

Pablo Casado cre que o Goberno cruzou unha liña negra ao aceptar o apoio de Bildu. Segundo o líder popular, a contrapartida será achegamento de presos etarras a Euskadi.

Noticias web

13/11/2020