CRTVG

Buscar

Críticas ao formato da Conferencia de Presidentes e ao trato desigual entre comunidades

Publicado o 30/07/2021 20:47

Era a primeira vez que os 16 presidentes autonómicos, todos agas o catalán, e os das 2 cidades autónomas debatían cara a cara desde que o fixeran hai xusto un ano en San Millán da Cogolla. Na xuntanza deste venres en Salamanca, e en opinión do socialista García Page, o ambiente era moi distinto. O presidente de Castela - A Mancha dixo que "máis aló de matices, tivemos todos unha formulación de superación e infinitamente máis positiva que a que tivemos na última conferencia presencial".

O Goberno falou de debate enriquecedor. Salientou os recursos sen precedentes que van recibir as comunidades. E aínda que varias propuxeron empezar a falar dun novo sistema de financiamento, o executivo cre que non toca e preferiu poñer o foco no avance da vacinación.

Isabel Rodríguez, ministra de Politica Territorial e voceira do Goberno, cre que" cumprimos coas expectativas dunha reunión en que tivemos a posibilidade de avanzar nos datos da situación da pandemia no noso país".

As comunidades gobernadas polo PP lamentaron a falta de claridade na repartición dos fondos europeos. Varias, como Andalucía, demandaron o mesmo trato bilateral que ven con Cataluña ou Euskadi, e Madrid queixouse dos ataques á súa autonomía fiscal.

A presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, cre que "se lle dá máis independencia ao País Vasco, máis independencia a Cataluña, máis cartos a un, máis cartos ao outro, pero comézase a cuestionar a autonomía fiscal de Madrid. Nós defendemos a liberdade e a responsabilidade de cada comunidade coa súa autonomía fiscal. Oímos iso e outros termos que me parecen preocupantes"

Ayuso advertiu que non volverá a unha Conferencia de Presidentes se, como sucedeu nesta, non se convoca en tempo e forma nin cunha orde do día negociada.

Noticias web

30/07/2021