CRTVG

Buscar

Impacto directo sobre as rendas medias-baixas, crítica á eliminación das axudas ás declaracións conxuntas

Publicado o 03/05/2021 14:33

O Goberno non fixo público o documento, de máis de mil páxinas, que lle remitiu a Bruxelas para recibir os fondos europeos. Pero si transcendeu unha das reformas que se inclúe nel: a de eliminar, paulatinamente, a axuda á declaración conxunta da renda, que beneficia uns dous millóns de fogares en toda España, o 17 % das familias. Consiste en reducir 3.400 euros na base impoñible.

Para a profesora de Economía da USC María Cadaval, a medida tería un impacto directo sobre as rendas medias-baixas ou máis baixas da nosa sociedade "porque esa tributación conxunta só lle compensa facela a aquelas familias onde que só traballa un dos membros ou onde o segundo membro ten un nivel de renda moi reducido, que xeralmente son as mulleres".

Suprimindo ese axuda, precisamente, cre o Goberno que se fomentará a incorporación da muller ao mercado laboral, unha argumentación que levantou controversia. O economista e exdirector da Axencia Tributaria Ignacio Ruiz-Jarabo pregúntase se o Goberno cre "que por aforrar mil euros na tributación conxunta co marido, unha muller rexeita un traballo" e cualifica o razoamento de "atrocidade".

A proposta tamén foi moi criticada pola oposición, e finalmente, o Goberno decidiu rectificar. Di agora que vai agardar polo ditame do grupo de expertos creado para reformar todo o sistema fiscal español, e que presentará o ano que vén as súas conclusións.